A chapuza do PP respecto Albada pode derivar en consecuencias millonarias para o Concello
A Coruña, 30 de outubro de 2012.- En relación co Ditame do Consello Consultivo de Galicia sobre Nostián, o Grupo Municipal do BNG denuncia o procedemento chapuceiro, ilegal e irresponsable do Goberno do Sr. Negreira, que pode derivar en responsabilidades patrimoniais con importantes indemnización económicas para o Concello.
E é que na Xunta de Goberno Local de 16 de decembro de 2011 o goberno municipal presidido polo Sr. Negreira acordou, ademais de incoar expediente de revisión de oficio do acordo da Xunta de Goberno Local do 8 de abril de 2011 (de incremento da aportación municipal a Albada) tamén se suspendía cautelarmente o pago á concesionaria do 5% de gastos xerais e do 5% do beneficio industrial. Toda vez que agora queda rexeitada a revisión de oficio, resulta evidente que esta nova chapuza do Goberno Local supón que o Concello deba asumir a responsabilidade patrimonial do acordo de 16 de decembro de 2011 e pagarlle a Albada, como mínimo, os importes deixados de percibir. A chapuza e irresponsabilidade do goberno municipal vaille sair cara, moi cara, á cidadanía coruñesa.
O BNG xa indicou no seu día que o procedemento de revisión e o momento para a súa materialización deberían ser outros, unha vez obtidos os resultados da auditoría
En comunicado de prensa do 19 decembro de 2011 (que se achega), o Grupo Municipal do BNG declaraba que compartía co Goberno do Sr. Negreira que o acordo de 8 de abril de 2011 non se axustaba ao contrato da concesión e que o Concello non tiña que asumir uns custos que lle correspondían á concesionaria.
Con todo, o BNG advertía xa por aquel entón que o procedemento de revisión de oficio acordado polo Goberno municipal era legalmente improcedente, xa que o acordo da XGL de 08/04/2011 (adoptado coa abstención do BNG) non era nulo de pleno dereito, tal e como agora ditamina o Consello Consultivo de Galiza. Fronte ao procedemento elixido polo PP, o BNG expuxera que vía máis axeitada era, e segue sendo, a declaración de lesividade do acordo (previo trámite da audiencia ao concesionario) e a súa posterior remisión ao Xulgado Contencioso para que declarase a conformidade ou non da revisión do acordo.
Responsabilidade patrimonial do Concello da Coruña
Toda vez que agora queda rexeitada a revisión de oficio, resulta evidente que o Concello debe asumir a responsabilidade patrimonial do seu acordo de 16 de decembro de 2011 e pagar, en consecuencia, a Albada como mínimo os importes deixados de percibir, e que corresponden ao 5% de Gastos Xerais e do 5% do Beneficio Industrial.
O BNG esixe do goberno que faga públicos os Informes de Auditoría Ambiental e de Xestión Económica da planta de Nostián
Os nacionalistas lembran que sempre consideraron que o acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de abril de 2011, que non contou co voto favorábel do BNG, e que quixo revisar chapuceiramente o Goberno do Sr. Negreira, incumpría as condicións da concesión. Pero o BNG sempre dixo que a revisión de oficio de dito acordo debería facerse dispois, e non antes, de coñecer os informes de auditoría (ambiental e de xestión económica) encargados polo Concello.
Estes informes de auditoría son coñecidos xa polo goberno municipal e o BNG esixe que se fagan públicos e se deña conta deles inmediatamente á Corporación, xa que neles debe quedar acreditado non só o grado de cumprimento das condicións contractuais pola concesionaria senón tamén os datos de explotación e xestión económica da planta de Nostián.