A metade do modificativo do Goberno municipal, destinado a pagar "facturas irregulares sen control"
A Coruña, 30 de outubro de 2012.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia debullou esta mañá en rolda de prensa os asuntos que o Goberno municipal levará á comisión informativa de Facenda, que terá lugar mañá. Ademais de facer alusión á suba xeneralizada de impostos, Valencia criticou unha nova chapuza do Goberno municipal, que reflicte o terceiro modificativo de crédito deste ano, amosando a falta de xestión e de previsión do Sr. Negreira. A nacionalista sinalou que a metade dos 2,32 millóns de euros de modificativo, un total de 1,12 millóns, vai destinada a recoñecementos extraxudiciais, "o que o PP na oposición chamaba facturas irregulares sin control".
O groso destes recoñecementos extraxudiciais está destinado a pagarlle á Compañía de Tranvías o importe derivado do bonobús, o importe de 1 millón de euros. Sinalou que o interventor xeral advertira, ao respecto, de que había consignada no orzamento unha cantidade moi inferior ao previsto. A outra parte importante destes recoñecementos extraxudiciais, segundo explicou Valencia, ten a ver cos residuos urbanos, por valor de 404.476,76 euros. Precisamente, este importe pagarase cos 404.476,76 euros que se lle detrae á limpeza viaria. "Dubidamos que o servizo de limpeza se manteña nas mesmas condicións con 400.000 euros menos", salientou, e aludiu aos informes dos técnicos, con contradicións sobre o recorte deste montante en limpeza viaria. Tamén fixo referencia ás diferenzas á hora de facerlle fronte ao importe do IPC á empresa de limpeza, que ficará, polo de agora, sen cobralo.
O pago de telefonía é do actual Goberno
Ademais, Ermitas Valencia acusou á concelleira de Facenda de mentir coas facturas de telefonía do anterior goberno. "En primeiro lugar, de ser facturas do anterior goberno habería que facerlles fronte mediante un recoñecemento extraxudicial e non a través dun suplemento de crédito", salientou a concelleira, que engadiu que "nin sequera estas facturas formaron parte do expediente do modificativo, porque non existen".
Este suplemento por valor de 216.160,87 euros vai destinado, en parte, a pagar obrigas contraídas polo actual goberno coa compañía de teléfonos, un total de 106.980,28, e o resto pagarase polo acordo do Goberno do Sr. Negreira en que aprobou outorgarlle a dúas operadoras diferentes o servizo de chamadas de teléfonos fixos e de móbiles. A compañía que antes ofrecía estes dous servizos vai cobrar as regularizacións correspondentes, precisamente, en base a ese acordo do actual goberno.
A concelleira do BNG revelou tamén que nese acordo do Goberno do Sr. Negreira para contratar con dúas compañías diferentes fixábase un custo para os servizos de telefonía fixa de 100.000 euros e de 400.000 no caso do servizo de telefonía móbil; é dicir, un total de 500.000 euros. Porén, Valencia denunciou que o Goberno municipal só 300.000 euros para telefonía nos orzamentos de 2012, e isto, malia saber que o servizo custaría un total de 500.000 euros.
Valencia denuncia a navallada á capacidade adquisitiva dos empregados e empregadas municipais e denuncia os recortes en dereitos laborais
Tamén irá á comisión informativa tomar coñecemento dun dos recortes máis importantes que sofren os empregados e empregadas municipais, no que ten a ver coas medidas destinadas a garantir a estabilidade orzamentaria e o fomento da competitividade, sobre o que o BNG xa rexeitara. Así, Valencia criticou a aplicación de máximos que fai o Goberno do Sr. Negreira destas medidas e puxo de manifesto a rebaixa do número de día de vacacións e de días libres e o recorte das prestacións económicas de baixas por enfermidade.
Alén das medidas que atentan contra os dereitos laborais, a concelleira do BNG denunciou a navallada do PP á capacidade adquisitiva dos e das traballadoras públicas, coa supresión da paga de Nadal. "Trátase dunha medida que non só lle afecta ao peto dos e das empregadas públicas, xa que tamén agravará a crise", sinalou. "Ao reducirse o poder de compra, un dos sectores máis prexudicados será o pequeno e mediano comercio, que xa non levanta cabeza por culpa das políticas neoliberais do PP", concluíu.