Negreira espera a que pasen as eleccións para subirlle os impostos á cidadanía
A Coruña, 27 de outubro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, critica que o Sr. Negreira deixara pasar as eleccións para, tan só cinco días despois, levar á Xunta de Goberno Local unha proposta de modificación de ordenanzas fiscais e de prezos públicos que afoga, aínda máis, a cidadanía da Coruña. Que non hai conxelación de impostos é unha evidencia na auga, un ben de primeirísima necesidade, e no IBI, como xa terán comprobado os veciños e veciñas que recibiron o recibo, sinala. Carril advirte de que mentres lle acrecenta a presión fiscal ás familias, o Goberno do Sr. Negreira conxélalle o IBI á Autoridade Portuaria e ás súas concesionarias, entre elas, Copasa.
A auga, un ben de primeira necesidade, grávase moito máis, polo que se incrementa o recibo
No que ten a ver co incremento da auga, Carril expón que os e as coruñesas comprobarán o ano que vén que o recibo da auga non é o mesmo dada a modificación da ordenanza número 41 de prezos públicos; dados os cambios na cota fixa que introduce a ordenanza fiscal número 5; dada a taxa de 12 euros por dar de alta o servizo e dada a suba considerábel do servizo de sumidoiros, que se duplica, e de depuración, que aumenta un 460%.
O nacionalista debulla os cambios e sinala que en virtude das modificacións da ordenanza número 5 a táboa pasa de partir de 1,5 metros cúbicos ou inferior, pagando 4,07 euros ao mes, a partir agora de 2,5 metros cúbicos/h ou inferior, pagando 5,76 euros (IVE excluído). As familias que estaban antes en 2,5 metros cúbicos/h pagaban 7,44 euros e agora pagarán 5,76, pero hai que ter en conta que antes as familias que estaban nun caudal inferior a 2,5 metros cúbicos (isto é, 1,5 metros cúbicos) van ter que pagar máis, ao pasaren de 4,07 a 5,76 euros ao mes. Por iso, Carril insiste en que a rebaixa da cota tributaria variábel por metro cúbico consumido apenas se vai notar.
Tamén explica Carril os incrementos no servizo de sumidoiro. E é que se pasa de 0,09 a 0,14 por cada metro cúbico de auga consumida en usos domésticos a partir de 18 metros cúbicos, pásase de 0,005 a 0,10 nos primeiros 18 metros cúbicos consumidos en usos domésticos, pásase de 0,12 a 0,17 por metro cúbico de auga consumida en inmóbeis e locais e, por último, pásase de pagar 0,05 por metro cúbico de auga consumida a 0,28 de coeficiente de vertido pola EDAR de Bens tanto en actividades como en vivendas.
A cidadanía da Coruña pagará 5 millóns de euros máis pola suba do IBI
Tamén fai fincapé o nacionalista no incremento do IBI, que levará a cidadanía a pagar un total de 5 millóns máis. Como ben saben os e as coruñesas que xa recibiron os seus recibos, explica Carril, haberá que pagar máis polo IBI, un 10% de incremento; é dicir, 4.817.500 euros.
A este respecto, apunta que en aplicación do artigo 8 do RDL 20/2011, de 30 de decembro, o IBI, por imperativo legal, pasa ao 0,6% (calculado sobre o valor catastral). Cómpre lembrar que no 2011 o IBI era do 0,5410%; no 2012 incrementouse nun 10%, pasando a 0,5951% e agora, para o 2013, pasa ao 0,6, un incremento do 0,82%.
O Goberno municipal conxélalle o IBI á Autoridade Portuaria, que obtivo suculentos beneficios no pasado exercicio
Fronte á suba do IBI ás familias, Carril advirte de que o Goberno municipal conxelou, na ordenanza fiscal nº 41, o tipo impositivo do imposto municipal sobre bens inmóbeis para os portos comerciais. O tipo de gravame do IBI aplicábel é do 0,6%.
Desta maneira o Goberno municipal do PP beneficia a Autoridade Portuaria, suxeito pasivo do IBI do porto da Coruña, naqueles terreos da súa propiedade e non suxeitos a concesión, e as súas concesionarias, entre elas, Copasa. E isto logo de que Autoridade Portuaria obtivese suculentos beneficios durante o exercicio 2011, un total de 17,3 millóns de euros.