O BNG xa advertira que a inspección dos locais municipais deberían realizala os técnicos do Concello
A Coruña, 2 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG puxo de manifesto, hai cáseque un ano, a irresponsabilidade e o descaro do Goberno do Sr. Negreira ao contratar o plan de intervención dos 144 edificios municipais por máis de 1,6 millóns, para pagar en tres anos (en realidade son dous anos en tres anualidades), uns traballos que deberían ser desenvolvidos polo propio servizo técnico do concello, é dicir, por técnicos municipais e non ser externalizados ou contratados a empresas, neste caso a Enmacosa, nun claro exemplo de privatización de funcións públicas.
Este contrato é un claro exemplo, sinalan as nacionalistas, de como o concello da Coruña vive totalmente de costas á Universidade da Coruña, coa que se poderían chegar a acordos de traballo neste eido, que servise de plataforma de investigación, desenvolvemento, prácticas...
As nacionalistas apuntan que os traballos que se inclúen neste labor non son asistencia técnica, pois a asistencia técnica é unha intervención de tipo avaliativo e garante da calidade, o cumprimento da normativa aplicábel e a adecuación ás regras de boa práctica. Así, unha redacción de proxecto de execución na súa integridade ou unha dirección de obra non son asistencias técnicas.
No que ten a ver coa elaboración dos planos de intervención, privatízase e, ademais, despois de coñecer os resultados das probas de servizo e funcionamento e as propostas de actuación do plan de intervención correspondente, o Concello procederá a corrixir as deficiencias observadas nas instalacións, mais a corrección destas deficiencias serán dirixidas pola propia empresa adxudicataria.
As nacionalistas salientan que no que atinxe á redacción de documentos técnicos, é curioso que o prego técnico indique que a relación de proxectos terán un orzamento base de licitación inferior aos 200.000 euros, aínda que indica que excepcionalmente podería sobrepasar esa cantidade ou mesmo que fraccione os períodos de entrega de proxectos en función de cantidades moi superiores aos 200.000 euros.
Ademais, en canto á asistencia técnica para o control das empresas de mantemento, se o concello xa privatiza de por si o mantemento das instalacións dos edificios municipais, o que ten que facer é un seguimento e control das empresas e traballos realizados. Novamente, salientan as nacionalistas, o Goberno municipal privatiza un traballo que é propio das e dos traballadores da administración.
Por último, no que se refire ao asesoramento e redacción do prego de contratación do servizo enerxético e mantemento, privatízase a elaboración de pregos técnicos por parte da administración. Sería máis rendíbel, advirten as nacionalistas, que algún deses cartos fosen destinados á formación ou posta ao día do equipo técnico municipal para a elaboración destes pregos. Así, as nacionalistas lembran que o R.D. 235/2013 polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios advirte de que a certificación pode ser realizada polos propios técnicos municipais.