O BNG considera que o PMUS non aposta decididamente polo tren como medio alternativo ao automóbil
A Coruña, 2 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que o Plan de Mobilidade Urbana e Sustentábel non fai unha aposta seria, real e decidida polo tren como medio alternativo ao uso do automóbil privado. A única proposta para o tren que contempla o PMUS, segundo se desprende do resumo executivo, é un estudo, a desenvolver no prazo de dous anos, dunha liña ferroviaria de cercanías e isto, sinalan as nacionalistas, a pesar de recoñecer expresamente que unha grande parte dos problemas de mobilidade que padece a cidade provén dos 50.000 vehículos que entran a diario nela procedentes da comarca.
O tren, e en concreto o servizo de proximidade ou cercanías, podía ser unha boa alternativa para os desprazamentos comarcais ou metropolitanos que se inician ou conclúen na nosa cidade, diminuíndo así os vehículos privados que circulan pola nosa cidade. Aínda máis, salientan as nacionalistas, cando se conta coa infraestrutura ferroviaria para tal feito. Mais o Goberno do Partido Popular non aposta dunha forma seria, real e decidida polo tren de proximidade ou de cercanías como se percibe na falta de medidas concretas e inmediatas do resumo executivo do PMUS.
Tampouco, salientan as nacionalistas, se contempla no resumo executivo o transporte marítimo pola nosa ría como medio de transporte alternativo ao uso do automóbil privado no que ten que ver cos desprazamentos comarcais ou metropolitanos. Este nin sequera se nomea para o descartar cando todo plan de mobilidade debe contemplar na súa análise todos os medios de transporte posíbeis onde estea incardinado o territorio, e A Coruña que se saiba é unha cidade marítima.
Por último, o Grupo Municipal do BNG reitéralle ao Goberno local que dea a coñecer o Plan de mobilidade na súa integridade, un plan lembran as nacionalistas que custou en total 564.450 euros (PMUS: 492.450 + Plan de mobilidade da Agra: 72.000 euros), e que a día de hoxe tan só se coñecen 18 páxinas dun resumo executivo.