O BNG critica que o Goberno Local siga a anunciar o poboado lapón en Bilbo aínda en Entroido
A Coruña, 3 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que, aínda que esteamos no tempo do Entroido, o Goberno local aínda segue a anunciar o poboado lapón de Nadal en terras bascas, en concreto en Galdakao, a nove quilométros de Bilbo en dirección Donosti. E é que emigrantes galegos fixéronlle chegar unha foto (achégase foto) ás nacionalistas hai tan só dous días na que se ve un valado publicitario cos logotipos do Concello da Coruña e da Deputación no que se tenta difundir e dar a coñecer o poboado despois de dous meses que tal evento aconteceu.
Talvez, sinalan as nacionalistas, sexa para aforrar custes de cara ao vindeiro ano despois de gastar máis de 135.000 euros no poboado. Dentro desta cantidade, están os 21.628,75 euros para os 125 valados publicitarios que a través do Consorcio de Turismo tentaron actuar como efecto chamada en localidades tan afastadas como Xixón, Uvieu ou Bilbo.