O BNG reclama que o Concello retome a xestión pública e directa das axudas ao chabolismo
A Coruña, 28 de xaneiro de 2014.- A concelleira do Grupo Municipal do BNG María Xosé Bravo presentou esta mañá en rolda de prensa unha batería de iniciativas sobre os poboados chabolistas da cidade entre as que destaca un rogo co fin de que o Concello da Coruña retome a xestión pública e directa das axudas para a erradicación do chabolismo e elabore un plan integral de Inclusión Social para cada un dos asentamentos.
Na medida en que rematou o plan especial de Penamoa (en que se insería o convenio anual coa Fundación Secretariado Xitano) e cuxa vixencia era de cinco anos, exixímoslle ao Goberno do Sr. Negreira que non asine o novo convenio coa Fundación Caixa Galicia e que sexan os servizos sociais municipais quen se fagan cargo do plan de erradicación do chabolismo, sinalou María Xosé Bravo. A nacionalista puxo de manifesto que a Fundación Caixa Galicia non ten experiencia nesta problemática, tal e como afirmou a propia entidade, que admitiu que traballara con asentamentos chabolistas da cidade hai xa 70 anos.
Ademais, a concelleira do Bloque chamou a atención sobre a necesidade dun Plan integral de Inclusión Social para cada un dos asentamentos, dado que a problemática de cada un destes é moi distinta. Pedímoslle ao Sr. Negreira que este plan de inclusión contemple itinerarios personalizados de inserción integral deseñados en colaboración e coordinación coas familias afectadas, entidades sociais que traballan no medio e concellarías implicadas, engadiu.
Nesta liña, expuxo que no BNG entendemos que non se realizou un aproveitamento das sinerxías entre o Concello, o Secretariado Xitano e os colectivos sociais que traballan coas familias dos asentamentos. Por iso, é imprescindíbel favorecer o traballo interdisciplinar e coordinado e poñer en marcha ferramentas coparticipadas capaces de dar a resposta axeitada ao esforzo conxunto dos poderes públicos e a cidadanía.
Malia os 2,5 millóns de euros orzados en catro anos, a avaliación é negativa
María Xosé Bravo ofreceu na rolda de prensa unha radiografía da situación que viven a día de hoxe A Ponte da Pasaxe, que habitamn 44 familias en condicións infrahumanas cunha taxa de desemprego superior ao 90%, O Portiño e As Rañas. Sinalou que malia os 2,5 millóns recollidos nos orzamentos municipais do cuatrienio 2011-2014 a avaliación dos avances e solucións acadadas é negativa, pois non se garantiu o acceso a vivenda e hábitat dignos dun contexto normalizado, non se melloraron as condicións de acceso ao emprego da poboación a través da educación e a formación, non se apoiou nin se promoveron mecanismos de incorporación laboral e non se facilitou nin se garantiu o acceso á educación.
As causas deste fracaso son multifactoriais, mais a nula implicación do Goberno do Partido Popular e as súas políticas pouco respectuosas coa comunidade xitana son as máximas culpábeis, sinalou. Xunto ás políticas do Partido Popular, outro dos aspectos a ter en conta debería ter sido a participación activa da poboación a quen ían dirixidos os diferentes programas mais o Goberno Municipal esqueceu á poboación xitana neste proceso que necesariamente debería ser participativo, engadiu.
A continuación, a edila do BNG aludiu ás declaracións do concellerio de Servizos Sociais, quen asegurou que el chabolismo podía acabar mañana mismo si la gente que vive en el asentamiento de Ponte Pasaxe quisiera. Lembrou Bravo que o 100% da poboación que vive na Pasaxe quixera vivir nun contexto inclusivo e normalizado, son familias que loitan pola promoción e integración social e por mellorar as súas condicións de vida, mais atópanse cun moi longo camiño de obstáculos que lles impiden saír de alí.
Transparencia e seguimento de todas as accións e programas
Dado o alto investimento do Concello nestes catro anos, María Xosé Bravo apuntou que cómpre esixir a transparencia na información dos procesos e na utilización e inversión dos fondos; é por iso que desde o BNG pedimos a creación dun órgano de traballo de carácter consultivo e de coordinación e seguimento de todas as accións e programas que se levan a cabo, apuntou.
En aras da transparencia, a concelleira do BNG anunciou a presentación dunha batería de preguntas para a resposta escrita e mais a formulación dunha pregunta oral na sesión plenaria que terá lugar o vindeiro luns.