"A proposta de candidatura ás europeas é unha chamada de atención á crise na Coruña e Ferrol"
A Coruña, 29 de xaneiro de 2014.- En resposta ás preguntas dos medios no transcurso dun reparto de material informativo contra o encarecemento do autobús, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, explicou que a proposta da Executiva Nacional de que concorra como número dous da lista do Bloque ás eleccións europeas aínda ten que ser aprobada pola militancia nas asembleas comarcais. Sinalou que esta proposta responde a unha chamada de atención e a unha denuncia sobre a situación económica en que se atopa a zona da Coruña e de Ferrol, que podería ser desenvolvemento económico de Galiza, na medida en que hai importantes sectores produtivos sobre os que pesan vetos: caso das rías, do naval ou do agro.
O BNG elabora a súa candidatura pensando que a doutrina do pensamento único e os seus evanxelizadores en España, o Partido Popular e o PSOE, impiden que Galiza poida desenvolverse por si mesma, apuntou Carril, esa é a clave, pór de manifesto que hai alternativas ao pensamento único da Unión Europea e pór de manifesto que Galiza non estaría nesta situación de crise se tivese soberanía.
Ademais de pór de manifesto que a proposta da Executiva Nacional é un recoñecemento explícito ao traballo do BNG na cidade da Coruña, Carril respondeu ás preguntas dos medios que a súa intención pasa por seguir traballando no Grupo Municipal do BNG no Concello.