A Executiva Nacional do BNG propón a Carril como número dous ás europeas

A Executiva Nacional do BNG propón a Carril como número dous ás europeas

Xose webSantiago de Compostela, 28 de Xaneiro 2014.- A Executiva nacional do BNG aprobou na súa reunión de onte a proposta de candidatura para as eleccións europeas de maio de 2014, en base aos 104 nomes elixidos polas comarcas tras un proceso democrático de consulta e votación entre toda a militancia do Bloque, que se desenvolveu en asembleas comarcais entre o 13 e o 18 de xaneiro.

A lista proposta pola Executiva está encabezada pola secretaria de Política Internacional e xa eurodeputada nos pasados comicios á Eurocámara, Ana Miranda, e como número dous o profesor de Dereito e portavoz municipal do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril. Amais de Carril, a comarca da Coruña está representada por Isabel Risco (actriz), Vitoria Louro (responsábel comarcal de Acción Feminista), Alba Sánchez Castanedo (responsábel local de Galiza Nova na Coruña e activista dos Comités), Lois Anxo Ferreiro (vinculado á Unión veciñal “26 de Abril” de

Carral e traballador de Atein Naval, auxiliar de Navantia), Pilar García Negro (profesora da UdC e sociolingüista), Teresa Ramiro (mariscadora a pé e activista da plataforma Nunca Máis) e Xulio Moskovich (delegado sindical da CIG en Alcoa).

O obxectivo do BNG era conformar unha candidatura aberta, plural e sobre todo unha candidatura “da cidadanía galega”, dando prioridade a representantes da sociedade máis activa e mobilizada do país destacados pola súa implicación na loita contra as políticas regresivas e de acoso á maioría social, que o PP está aplicando tanto no Estado español como na Xunta, e tamén na UE co seu apoio ás políticas máis neoliberais.

Neste sentido, a candidatura conta con significativos representantes das plataformas e colectivos sociais que abandeiraron as loitas e movementos cívicos máis significativos dos últimos tempos: en relación á defensa da sanidade pública, contra os desafiuzamentos e outros abusos bancarios, na estafa das preferentes, contra a megaminaría contaminante ou o acoso aos emigrantes retornados por parte da administración de facenda.

Así, figura no número catro da candidatura Xesús Domínguez, portavoz da Plataforma de Afectad@s polas preferentes en Santiago, Alba Fidalgo, activista da Plataforma de cláusulas solo e abusos bancarios, Manuel Moreira, médico e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública en Vigo de número oito, Xosé Lois Leirós, portavoz da Coordinadora galega de emigrantes retornados, ou Manuel Soto, biólogo e activista de Adega contra a megaminería.

Igualmente, a candidatura proposta inclúe recoñecidos nomes da cultura galega, como o escritor e ensaísta Suso de Toro, a actriz Isabel Risco, referentes na defensa do idioma como o presidente da Mesa pola normalización lingüística, Carlos Callón, a sociolingüista Pilar García Negro, ou a poeta Marta Dacosta.

Referentes nos sectores produtivos

A lista tamén recolle destacados referentes na defensa dos sectores produtivos galegos máis afectados polos políticas que se deciden na Eurocámara, como o responsable do sector naval da CIG e traballador do naval na Ría de Vigo, Cesar Rodríguez, Xavier Aboi, da CIG-Mar e portavoz do colectivo de mariñeiros afectados polo acordo pesqueiro UE-Mauritania, Xan Rico, do comité de empresa de Navantia, Mar Vila, do sindicato agrario Fruga e Rosa Abuín, traballadora do sector conserveiro.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o ex deputado Alfredo Suárez Canal tamén forma parte dunha candidatura que pecha simbolicamente o portavoz nacional, Xavier Vence.

Cronograma

O proceso de aprobación da candidatura definitiva do BNG terá lugar no Consello Nacional previsto para o vindeiro 8 de febreiro, que pecharía un proceso que comenzou o pasado 13 de xaneiro coa celebración de asembleas comarcais nas que a militancia votou as súa propostas, remitidas á Executiva Nacional, encargada de elaborar unha candidatura inicial en base ao mandato da militancia.

A lista proposta será agora de novo sometida a referendo nas comarcas nun proceso de segunda volta que concluirá o 6 de febreiro. De contar con apoio suficiente da militancia, a lista será sometida a votación e aprobación definitiva polo Consello Nacional, como máximo órgano entre asembleas, e converterase na candidatura do BNG á expensas das coalicións electorais que finalmente se conformen de cara a cita do 25 de maio.

CANDIDATURA BNG ELECCIONS EUROPEAS

A Executiva Nacional do BNG propón a Carril como número dous ás europeas