O BNG levará ao Parlamento e ao Concello as condicións de precariedade en Liteyca
A Coruña, 20 de Abril 2015.- O BNG compartiu mobilizacións no polígono da Agrela cos traballadores e traballadoras da empresa Liteyca en protesta contra as condicións de precariedade laboral que soportan como subcontrata da multinacional Telefónica, que implican xornadas de até doce horas e o incumprimento reiterado dos convenios colectivos.
O portavoz nacional, Xavier Vence, anunciou que o Bloque vai pedir no Parlamento a intervención da Consellería de Traballo para que actúe ante a degradación extrema das condicións laborais das persoas que traballan para subcontratas da outrora empresa pública de comunicacións.
A Xunta debe intervir para poñer freo á degradación das condicións laborais de Telefónica coas empresas que subcontrata, ata o extremo de non respectar nin os convenios, reclamou Vence, quen tamén denunciou que estas son as consecuencias da normativa laboral aprobada polo PP que supuxo unha desregulación do mercado laboral ata dar poder absoluto ás empresas para establecer as condicións de traballo.
Vence preguntouse se estas condicións laborais son unha mostra máis da recuperación económica que pregoa o PP, e salientou que a multinacional obtivo un beneficio neto en 2014 de 3.000 millóns de euros a costa da degradación ata o extremo das condicións laborais das persoas que traballan nas empresas coas que subcontrata.
Para o dirixente nacionalista, ese non é un modelo de futuro, nin pode servir como medio para obter beneficios para os grandes accionistas, incluídos bancos, que están detrás de Telefónica. Hai que mudar o modelo laboral que impuxo a reforma do PP, demandou.
O BNG tamén vai levar a situación do cadro de persoal de Liteyca ao pleno do Concello da Coruña, e o portavoz municipal e candidato de BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, anunciou unha moción en pleno instando a cumprir o convenio colectivo, á readmisión dos traballadores despedidos inxustamente, e en demanda dun novo sistema de contratas e subcontratas dado que o actual derivado das sucesivas reformas laborais prima os intereses económicos por riba das persoas.