O BNG-AA transformará o parque do Observatorio e do Campo da Burra nun espazo verde público
A Coruña, 21 de abril de 2015.- A caravana de Todas As Coruñas, cunha ampla representación da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, fixo parada no barrio da Agra do Orzán, o máis populoso da cidade, onde recolleu numerosas propostas da veciñanza para gañar en calidade de vida. Entre as actuacións máis salientábeis atópase dotar de espazos verdes o barrio. Para isto, a petición da AA VV da Agra, coa que se reuniron as nacionalistas, o programa electoral do BNG-AA recollerá a transformación do espazo verde do Observatorio Meteorolóxico e mais do Campo da Burra nun parque público.
Das propostas que a candidatura encabezada por Xosé Manuel Carril incorporará no programa electoral destaca o estudo da viabilidade da demolición da ponte da rolda de Nelle para a converter nunha rúa máis do barrio no seu tramo da Agra do Orzán e a conexión do barrio cos hospitais e co Campus de Elviña mediante unha liña directa de bus que parte dos Rosales. En materia de transporte público, o BNG-AA tamén aposta pola mellora da liña 7 do barrio, en canto a trazado e frecuencias.
No que ten a ver co comercio, dada a inxente cantidade de locais comerciais baleiros no barrio, o BNG-AA tamén levará no programa a súa aposta por un banco de locais comerciais que permitan o seu aluguer a prezos baixos. Ademais, a instancias da veciñanza, reordenarase o comercio ambulante nalgún espazo concreto do barrio.
O programa electoral do BNG-AA incluirá a realización dun plano de rehabilitación de vivendas do barrio, cun plano de mellora estética; o soterramento de colectores do lixo; a intervención e acondicionamento de distintas rúas do barrio; a habilitación de camiños e congostras en todo o espazo non urbanizado entre a Agra, O Ventorrillo, A Silva, Cances, Agramela e Bens como espazos de lecer e divulgación para o coñecemento do noso medio e a dotación dun espazo como aparcadoiro público. A recuperación do muíño da Agramela para volver instalalo no barrio e a recuperación do acueduto de Montaigú son outras das actuacións que incorporará o BNG-AA ao programa.
Entre as actuacións demandadas pola veciñanza polas que traballará a formación encabezada por Carril tamén se atopan a realización dun protocolo coa asociación veciñal para poder facer uso dos espazos do Ágora nalgunhas datas do barrio; a potenciación de accións e actividades interculturais e colaboración coas entidades de persoas inmigrantes ou que traballan neste ámbito.