O BNG acusa o Sr. Negreira de mercantilizar a cultura
A Coruña, 19 de abril de 2015- O Grupo Municipal do BNG denuncia a teima do Goberno do Sr. Negreira por licitar proxectos culturais singulares, como é o caso de Poetas Di(n)versos, Merendas con Contos ou Coruña Maiúscula, como un xeito de mercantilizar a cultura. As nacionalistas advírtenlle ao Goberno do Sr. Negreira que a actividade cultural non pode medirse con criterios obxectivos. Porén, con estas licitacións, o Goberno local aproba ou rexeita unha actividade cultural singular baseándose en valoracións técnicas e económicas. E isto, salientan, malia que en casos como o de Poetas Di(n)versos son proxectos con autoría.
O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira licite actividades culturais tan singulares como as citadas primando os criterios burocráticos e administrativos sobre os culturais. A este respecto, as nacionalistas lembran que o Goberno do PP non fai o mesmo coas festas, para as que contrata directamente actuacións musicais segundo lle parece. De feito, o Goberno do Sr. Negreira nunca sacou a concurso se busca cantante pop español por 55.000 euros (prezo que custou o concerto de Sergio Dalma), ironiza o Bloque.
Na mesma liña, as nacionalistas pregúntanse se quen avalía a proposta técnica nas licitacións de proxectos culturais singulares sabe de cultura e cuestionan que a licitación garanta que sexan debidamente cualificados proxectos como Merendas con Contos, unha actividade das bibliotecas con máis de 15 anos de antigüidade e cun grande éxito de afluencia. Para o BNG o criterio económico non pode ser nunca determinante á hora de escoller unha proposta cultural.
Por último, o BNG expresa a súa satisfacción polo inminente remate do mandato do Sr. Negreira. Despois de sacar a concurso a actividade relacionada co libro e coa literatura, o Goberno do PP sería capaz de facer o mesmo co teatro ou coas exposicións.