O BNG demostra que non existe responsabilidade patrimonial do Concello na Agra de Santo Amaro
A Coruña, 27 de marzo de 2013.- Alén da necesaria revisión dos Estudos de Detalle de 2001 e 2002 da Agra de Santo Amaro, por seren nulos de pleno dereito, o Grupo Municipal do BNG insiste en que non hai ningunha responsabilidade patrimonial do Concello da Coruña. De aí que os promotores non teñan dereito a indemnización ningunha polo cambio de ordenación urbanística entre o PXOM de 1998 e o novo PXOM, pendente de publicarse no DOG. Os promotores, tal e como vén advertindo o BNG, non patrimonializaron en prazo o aproveitamento que lles outorgaba o PXOM de 1998 e que fora ordenado polo miúdo nos mamotretos dos estudos de detalle, que, lembran as nacionalistas, foron redactados polo actual director de Urbanismo do Concello, nomeado polo Partido Popular, o Sr. Otero Grille.
O Grupo Municipal do BNG sinala que a lexislación só contempla indemnización por perda de aproveitamento cando este foi patrimonializado en prazo polos propietarios. O artigo 35 (Supostos indemnizatorios) do RDL 2/2008, de 20 de xuño, de Texto Refundido da Lei do Solo, estabelece no seu apartado 1 que dan lugar en todo caso a dereito a indemnización as lesións nos bens e dereitos que resulten dos seguintes supostos: a) A alteración das condicións de exercicio da execución da urbanización, ou das condicións de participación dos propietarios nela, por cambio da ordenación territorial ou urbanística ou do acto ou negocio da adxudicación desa actividade, sempre que se produza antes de transcorreren os prazos previstos para o seu desenvolvemento ou, transcorridos estes, se a execución non se levou a efecto por causas imputábeis á Administración.
A realidade, advirten as nacionalistas, é que os promotores non patrimonializaron o aproveitamento do PXOM de 1998 nos prazos previstos no Plan. O PXOM de 1998 determinaba, no seu artigo 1.1.6 que os prazos para a execución en solo urbano incluído en polígonos, como é o caso, sería de catro anos desde a delimitación do polígono. Está claro, engaden, que os deberes de cesión, urbanización e equidistribución non se fixeron nos prazos previstos no PXOM de 1998, dado que o proxecto de compensación non se presentou a trámite polos propietarios até o 19.04.2007, cando a delimitación do polígono se aprobou o 09.02.2001.
Tal e como consta no expediente administrativo, o exceso de prazo debeuse unicamente aos conflitos civís entre promotores. En concreto, debido aos problemas xurdidos pola compra-venda de terreos no ámbito entre Fadesa e un ex concelleiro desta Corporación, que formaba parte daquela Xunta de Goberno Local.
De todo isto ten coñecemento o alcalde, así como da necesidade de revisar de oficio ambos os estudos de detalle, non só polas iniciativas presentadas polo BNG senón tamén polo escrito achegado á propia Alcaldía o pasado 14 de agosto (achégase xunto á nota). As nacionalistas sinalan que urxe acometer, de inmediato, a revisión de oficio non só polos preitos promovidos polas denegacións de licenza, senón polos que se están a promover pedindo a responsabilidade patrimonial do Concello.