Fábrica de armas: BNG insta a Xunta a liderar un plan industrial no eido civil que garanta o emprego
A Coruña, 27 de marzo de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, visitou esta tarde os traballadores da fábrica de armas pechados nas instalacións de Pedralonga. Fíxoo acompañado das concelleiras na Coruña María Xosé Bravo e Avia Veira e do responsábel comarcal, Paulo Carballada, que reivindican a diversificación da produción da fábrica de armas ao eido civil, nomeadamente ao sector aeronáutico e ao eólico, dado o potencial tecnolóxico e de I+D+i. Para isto, as nacionalistas emprazan a Xunta de Galiza a poñerse á fronte e a liderar, así, un plan industrial que asegure os postos de traballo.
O BNG considera que a Xunta de Galiza debe desenvolver un papel fundamental no proceso, tendo en conta que o centro da Coruña é o único de todo o Estado que General Dynamics vai pechar. É máis, os conflitos laborais resolvéronse nas demais plantas, agás na da cidade, onde a multinacional prevé botar á rúa aos 172 traballadores. Nesta liña, as nacionalistas advirten de que se trata dunha cuestión de vontade política da Xunta de Galiza.
Ademais de instar o Goberno galego a liderar un plan industrial que garanta os postos de traballo, o BNG pídelle á Xunta e ao Concello da Coruña que non desistan en urxir o Goberno central a se implicar en defensa do emprego na planta da Coruña. As nacionalistas lamentan o desleixo adoptado até o de agora polos Ministerios de Industria e de Defensa, malia seren os principais acredores e financiadores de General Dynamics.
O BNG lembra a capacidade de presión que ten o Concello da Coruña sobre o Ministerio de Defensa, xa que, de pechar este centro de traballo, os terreos de Pedralonga ficarían desafectados. Deste xeito, o Concello podería solicitar a reversión, co fin de evitar a especulación e para garantir a continuidade da actividade industrial, a través da implicación directa da Xunta de Galiza.
Por último, as nacionalistas fan un chamamento á cidadanía a se solidarizar cos traballadores, que convocaron unha nova mobilización para este sábado, a partir das 12h, desde a praza da Palloza até a praza de Pontevedra.