Bravo: "Cos mesmos cartos, o Goberno amplía as bolsas de comedor a Bacharelato e FP"
A Coruña, 26 de marzo de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo advirte de que os cambios nas bases reguladoras da concesión das bolsas dos comedores escolares para o curso 2013-2014 benefician, nomeadamente, os centros de ensino de privado. E é que o Goberno municipal amplía as bolsas a Bacharelato e Ciclos de Grao Medio de Formación Profesional, cando os institutos públicos da Coruña non dispoñen de servizo de comedor. Isto significa que van ser os colexios privados os que poidan beneficiarse desta ampliación das bolsas de comedor aos Bacharelatos e FP.
Ademais, Bravo sinala que as modificacións anunciadas esta mañá polo conselleiro de Servizos Sociais, que foron aprobadas en Xunta de Goberno Local o pasado venres, amplían o número de persoas que poden solicitar as bolsas de comedor mais sen incrementar o orzamento destinado a este fin, 475.000 euros. Así, expón que mentres o programa do curso 2012-2013 regulaba a concesión de bolsas de comedor para familias con menores ao seu cargo, matriculados en 2º ciclo de Educación Infantil (3 a 5 anos) e/ou en ensinanzas obrigatorias (Primaria e Secundaria, de 6 a 16 anos), o programa deste ano abrangue tamén aos Bacharelatos e aos Ciclos de Grao Medio de Formación Profesional co mesmo orzamento que o ano anterior.
Pola outra banda, Bravo revela "o que non conta o Goberno municipal", xa que a partir do curso que vén, as persoas con bolsa de comedor terán que aboar "puntualmente" a parte do importe do servizo de comedor escolar non financiada polo programa. De atrasárense causarán, inmediatamente, baixa, explica a concelleira nacionalista.
Precisamente, esta mañá, Bravo presentou unha pregunta para a resposta escrita para coñecer canto alumnado de ESO escolarizado en centros públicos contou cunha bolsa de comedor neste curso e que previsión de alumnado de Bacharelato e FP escolarizado en centros públicos vai facer uso deste servizo.