Jorquera insta o Goberno Local a que convoque a comisión de Nostián para explicar o sobrecusto do novo contrato

Comisión Seguimento Contrato Nostián 2
Jorquera, na reunión constitutiva da comisión de seguimento do proceso de licitación do novo Nostián
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, empraza o Goberno Local a que convoque a comisión especial de seguimento do proceso de licitación do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos para explicar as razóns do sobrecusto do contrato de Nostián (por volta de 65 millóns de euros máis do inicialmente previsto).
Jorquera insta o Goberno Local a que convoque a comisión de Nostián para explicar o sobrecusto do novo contrato

A comisión foi creada no seu día por iniciativa do BNG e é o ámbito perfecto para o Goberno Local dar explicacións sobre o aumento do custo do contrato da nova planta, produto da aceptación de parte das alegacións formuladas por varias empresas.

“Sabemos que unha boa xestión é cara, pero resulta máis cara aínda unha mala xestión polas súas consecuencias sociais e ambientais”, avalía Jorquera. “É moito peor irmos ao modelo polo que aposta o PP. O modelo SOGAMA baseado na incineración”, remarca.

A actual concesión caducou en decembro de 2019 e desde entón o BNG leva presionando politicamente para o servizo deixar de se prestar en precario. Mais o Goberno Local demorou anos en pór a andar o procedemento -incumprindo acordos co BNG-. “A consecuencia”, refire Jorquera, “é que a planta presenta un estado de grande deterioración que mesmo representa un perigo para a seguridade das e dos traballadores”.

Dado o seu deficiente estado, o actual Nostián apenas recicla, polo que para o BNG é vital que o novo contrato “permita apostar decididamente por un modelo de xestión do lixo baseado na redución, reciclaxe e reutilización”.

En todo caso, ao Goberno Local cábelle agora explicar o sobrecusto do contrato, razón pola que debe convocar a maior brevidade posíbel a comisión de seguimento, conclúe Jorquera.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Jorquera insta o Goberno Local a que convoque a comisión de Nostián para explicar o sobrecusto do novo contrato