O PLENO APROBA POR UNANIMIDADE AS TRES MOCIÓNS DO BNG

No #PlenoXullo, o Goberno Local móstrase incapaz de dicir cando vai licitar o novo contrato do bus

Captura de pantalla 2026-07-02 131401
Avia Veira, durante o Pleno
Este 2 de xullo, día do Pleno ordinario correspondente a este mes, fanse 548 días desde que o contrato do bus urbano da Coruña se presta en precario.
No #PlenoXullo, o Goberno Local móstrase incapaz de dicir cando vai licitar o novo contrato do bus

É por esa razón que a portavoz do BNG no Concello e candidata á Alcaldía, Avia Veira, levou o asunto ao Pleno en forma de pregunta oral.

Cuestionaba Veira cando vai ter os pregos o Goberno Local, trámite previo para a licitación e adxudicación dun dos servizos fundamentais do Concello. “O Concello ten nisto competencias exclusivas. Que o contrato se preste en precario desde o momento en que caducou, o 31 de decembro de 2024, é responsabilidade exclusiva do Goberno Local”, censurou.

Durante anos o BNG advertiulle ao Goberno Local que debía ir preparando os pasos para licitar un novo contrato e, consecuentemente, para ofrecer un mellor servizo ás coruñesas e os coruñeses, “para que, por exemplo, unha traballadora de Marineda City que saia a última hora de traballar poda volver a casa no bus urbano”.

“A resposta que se nos daba cando propúñamos melloras é que había que agardar ao novo contrato. E cando preguntabamos por como ía a redacción dos novos pregos dicíasenos que aínda faltaba moito para que caducase a concesión. Pois ben, agora mesmo nin temos novo contrato nin temos os pregos para o licitar”, denunciou.

E non é que non teñamos os pregos, é que a consultoría contratada para os redactar foi convidada días atrás ao acto propagandístico de balance de xestión da señora alcaldesa. “E aquí non pasa nada”, lamentou.

Lage desvía a atención da demora e afirma que o Goberno Local resolveu un “elemento crítico” ao prever que o antigo cuartel de Agrela albergue as cocheiras

Na súa resposta, Lage non ofreceu ningún prazo, nin sobre a redacción dos pregos nin sobre a licitación. Limitouse a dicir que se desbloqueara o convenio con Defensa de 2009 en relación ao antigo cuartel de Agrela e que con iso se resolvía un “elemento crítico” do contrato, o de ter garantidas as cocheiras para a futura frota de buses urbanos.

“Gostaríamos de ir máis rápidos”, concedeu Lage, ao tempo que si garantiu o cumprimento do compromiso adquirido co BNG en función do cal o executivo coruñés dialogaría coa formación nacionalista, unha vez xa redactados os pregos, antes de estes iren á Xunta de Goberno Local.

O antigo cárcere

Canto á situación do antigo cárcere provincial, e interpelado polo noso viceportavoz en María Pita, Francisco Jorquera, o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, limitouse a dicir que o Concello mantén un diálogo aberto co Estado para lograr a cesión da cadea.

“A sentenza [da Audiencia Provincial] non di que o Estado teña que entregar o cárcere”, afirmou Lage en relación ao fallo que confirmou a anulación do convenio asinado en 2025 polo Goberno Local (naquela altura do PSOE) e pola Administración central.

Captura de pantalla 2026-07-02 130613
Jorquera, nun momento da súa intervención

A sentenza si afirma que os gastos de conservación e vixilancia do inmóbel, en estado ruinoso, corresponden ao Estado.

Por súa parte, Jorquera considera evidente que é perfectamente posíbel conseguir a cesión do antigo cárcere “en condicións xustas”. “É unha cuestión de pura vontade política”. E, por tanto, a alcaldesa “ten que facer valer o peso político de que tanto presume”.

Mocións

De resto, o Pleno aprobou por unanimidade as tres mocións do BNG, as de David Soto para o Concello adoptar medidas que contribúan a paliar os efectos das vagas de calor e para se dotar dun Plan Municipal de Inclusión Social, ben como a de Avia Veira para o Goberno Local dialogar co sector do taxi arredor da Área de Prestación Conxunta (de ámbito metropolitano) proposta pola Xunta

 

No #PlenoXullo, o Goberno Local móstrase incapaz de dicir cando vai licitar o novo contrato do bus