PRESENTACIÓN Á PRENSA DE NOVAS INICIATIVAS
Avia Veira: "Continuamos a marcar a axenda en materia de vivenda, preparando o que faremos desde a Alcaldía"
“Fixémolo durante todo o mandato e queremos continuar a facelo”, remarcou, como unha sorte de anticipo do que o BNG “fará desde a Alcaldía”.
A pasada semana, a alcaldesa presentou a oficina municipal de atención á veciñanza en materia de vivenda. “Que se vaia prestar asesoramento desde o Concello ás persoas que viven de aluguer é unha iniciativa do BNG”, resaltou Veira, “que incluímos nos acordos de investidura de 2023 e nos orzamentarios de 2024 e 2026, neste último caso cun reforzo da partida económica”.
“Esta oficina non se tería creado sen o impulso do BNG”, reivindicou Veira, “como tampouco se tería promovido nin a Declaración de Zona Tensionada, incluída tamén no Acordo de Investidura a instancias do Bloque, nin a Ordenanza de Vivendas de Uso Turístico”, enfatizou.
E como queira que o BNG quere continuar a marcar a axenda nesta materia, a candidata do BNG á Alcaldía presentoulle aos medios tres iniciativas ao respecto, unha as VUT, outra sobre IBI e unha terceira sobre o Parque Inmobiliario da Cidade.
Canto ás VUT, Veira inquire o Goberno Local se fixo algo para lle dar cumprimento á moción do BNG aprobada no pleno do mes de decembro. Naquela altura a Corporación instou o Executivo coruñés a que fixese un estudo por distritos relativo ao numero de vivendas destinadas a usos de VUT en relación co número de habitantes (a ordenanza establece un límite). Ao mesmo tempo, Veira quere saber cantas denuncias ou queixas veciñais ten recibido o Goberno Local pola existencia de VUTs en situación irregular e cantas inspeccións se teñen derivado desas queixas e denuncias.
Sobre o IBI, lembra Veira que a ordenanza municipal deste imposto recolle que se graven as vivendas baleiras cun recargo do 50%. “A cantos inmóbeis se lles está a aplicar o recargo?”, inquire a candidata do BNG, á vez que lle pregunta ao Goberno Local se elaborou un censo de vivendas desocupadas.
“A mobilización dos pisos baleiros e a súa incorporación á bolsa municipal de vivenda de aluguer é para o BNG unha clave fundamental para irmos resolvendo a crise habitacional”, destaca.
Finalmente, no acordo asinado polo BNG co Goberno de Inés Rey para os orzamentos de 2026 figura unha partida para a realización dun estudo do parque inmobiliario da Coruña.
Como non nos consta que se fixera, Veira interésase por saber en que fase está a realización dese estudou e se o Goberno Local encargou xa ese traballo.