CASE TRES ANOS DEPOIS DA SÚA CONSTITUCIÓN

A Comisión da Área Metropolitana vólvese reunir por fin grazas ao impulso do BNG

20260630_113836
Jorquera, durante a reunión
A Comisión Especial da Área Metropolitana constituíse en xullo de 2023, pero desde aquela non se volvera reunir até hoxe, 30 de xuño de 2026, case tres anos depois.
A Comisión da Área Metropolitana vólvese reunir por fin grazas ao impulso do BNG

A Comisión Especial da Área Metropolitana constituíse en xullo de 2023, pero desde aquela non se volvera reunir até hoxe, 30 de xuño de 2026, case tres anos depois.

E volveuse reunir cumprindo o mandato da moción do BNG aprobada no Pleno deste mes de xuño. “Congratulámonos de que se volvese reunir. Se hoxe houbo esta reunión foi como produto da insistencia do BNG. Da moción aprobada no pleno de xuño e de múltiples iniciativas anteriores”, afirma Francisco Jorquera, representante do Bloque nesta comisión e viceportavoz nacionalista no Concello.

Na reunión de hoxe acordouse iniciar un proceso, relata Jorquera. “O Goberno Local achegou os estudos que obran no poder do Concello sobre este proxecto. Estudos que nalgúns casos teñen xa anos e que, por tanto, precisan seren actualizados”, indicou. O Goberno Local comprometeuse tamén a iniciar un diálogo cos concellos da nosa comarca, conversas das que dará conta en próximas sesións desta comisión.

Por súa parte, o BNG propuxo que na comisión se produzan comparecencias de distintos axentes -institucións, persoas expertas, entidades sociais, económicas- para achegaren a súa visión sobre a realidade metropolitana da Coruña.

“A realidade da Coruña non se pode concibir sen ter en conta a súa realidade metropolitana. E problemas como o transporte, a mobilidade, a planificación urbanística, a ordenación do territorio, o tratamento do lixo e outros, non poden ter unha solución satisfactoria se non se abordan desde unha escala metropolitana”, remarcou Jorquera.

O viceportavoz nacionalista enfatiza que hoxe se inicia un proceso, “do que a constitución da área metropolitana ten que ser o corolario”.

“Un proceso longo e complexo, pero o que está claro é que é imposíbel deseñar a Coruña do século XXI se non se ten e conta a súa realidade metropolitana”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Comisión da Área Metropolitana vólvese reunir por fin grazas ao impulso do BNG