AVIA VEIRA LEVA O ASUNTO AO #PLENOXULLO DESTE 2X

Así está o transporte público na cidade: nin se licita o contrato do bus urbano nin se dialoga co taxi

Avia Veira conferencia de prensa
Avia Veira, durante a conferencia de prensa
A portavoz do BNG no Concello e candidata nacionalista á Alcaldía, Avia Veira, mantivo este mañá un encontro cos medios para presentar dúas iniciativas en materia de mobilidade que defenderá no Pleno do vindeiro xoves.
Así está o transporte público na cidade: nin se licita o contrato do bus urbano nin se dialoga co taxi

No curso da conferencia de prensa, Veira, ao ser interpelada polos medios, debullou distintos asuntos de actualidade, desde a dimisión da concelleira de Mobilidade até a proposta da alcaldesa de a cidade se dotar dunha bandeira.

Canto ás iniciativas de mobilidade, Avia Veira remarcou a “parálise do transporte público na Coruña”. Parálise porque o servizo de bus urbano continúa a se prestar en precario, sendo que o contrato caducou en decembro de 2024.

“Este 2 de xullo, día de celebración do Pleno, fará 548 días que o transporte público urbano se presta sen contrato. Este feito é moi grave. Loxicamente, ao non haber contrato, non se introducen melloras no servizo. Nin se amplían horarios nin aumentan as frecuencias nin se resolven problemas endémicos como as moi deficientes conexións cos polígonos industriais ou os centros hospitalarios”, denunciou.

“Este 2 de xullo, día de celebración do Pleno, fará 548 días que o transporte público urbano se presta sen contrato. Este feito é moi grave"

A responsabilidade desta situación afecta en exclusiva o Goberno Local. “Queremos que nos expliquen no Pleno como é posíbel que se chegase a máis de 500 días co servizo caducado, como é posíbel que lle estean a furtar ás coruñesas e aos coruñeses o seu dereito a ter un mellor transporte público”, resaltou. Esa explicación vaina ter que dar o Goberno de Inés Rey perante a pregunta oral que lle realizará no Pleno Avia Veira.

Onde están os pregos?

O servizo non sae a concurso porque os pregos aínda non están redactados. E sendo así, resulta incomprensíbel que no acto público en que recentemente Inés Rey fixo balance da súa xestión fose convidado a participar un representante da empresa encargada da redacción das bases da licitación.

290626-conferenciabng (1)

“Falou alí a consultaría que aínda non fixo os pregos e non pasa absolutamente nada, como se esa empresa non tivese que ter xa ese traballo feito”, censurou.

Como non aparecen os pregos, o pasado 16 de xuño o BNG reclamou por escrito que se lle entregasen todos os traballos feitos por esa consultaría. “Cómpre lembrar que no seu día o Goberno Local anunciou a licitación para a Semana Santa. Pois ben, estamos a finais de xuño, e nada de nada. Teñamos en conta que fica xa menos dun ano para as eleccións e que nesas circunstancias vai ser moi difícil ter licitado e adxudicado o servizo no que resta de mandato”.

A outra iniciativa do BNG en materia de mobilidade é unha moción sobre o sector do taxi e ten como propósito que por fin o Goberno Local dialogue cos profesionais deste servizo público.

“A alcaldesa gábase de o seu ser o mandato do diálogo. Mais, con quen dialoga? Non desde logo co sector do taxi en relación á proposta de creación dunha Área de Prestación Conxunta conformada pola cidade e os concellos da contorna”, criticou.

“A alcaldesa gábase de o seu ser o mandato do diálogo. Mais, con quen dialoga? Non desde logo co sector do taxi"

O curioso é que hai un mes o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, sen ter competencias en mobilidade, foi quen representou o Concello nunha reunión coa Xunta para tratar a hipotética creación desa Área de Prestación Conxunta.

“Pois ben, a alcaldesa afirmou que non tiña intención de dialogar co sector desa iniciativa. Como pode ser que a alcaldesa do diálogo non dialogue?”, ironizou. O BNG si que o fixo. “Sentamos co sector e tiramos unha conclusión moi clara: non teñen información directa do asunto porque non se contou con eles e con elas, pero están totalmente dispostos a falar”.

“A impresión do sector é que a APC pode estar ben dependendo de como se implante, de como sexan as propostas concretas”, relata Veira. “Están dispostos a escoitar sempre que o sector do taxi coruñés non fique danado e se garanta a mellora do servizo que se presta ás coruñesas e aos coruñeses”, engade.

A moción empraza o Goberno Local a que manteña un diálogo co sector do taxi e tamén cos grupos municipais, “para tentar consensuar as condicións desa APC e, se proceder, decidir se o Concello se adhire ou non a ela”.

A dimisión de Noemí Díaz

Sobre a dimisión da concelleira de Mobilidade, Veira considera que “nin é unha casualidade nin é un feito aillado”. “Responde á incapacidade de Inés Rey á hora de conformar e liderar un equipo minimamente cohesionado para gobernar a cidade”, remarcou.

“Sen cohesión, sen coordinación, funcionando como compartimentos estancos, é imposíbel xestionar ben a cidade e o Concello. E a responsábel política dese mal funcionamento é a alcaldesa”, subliñou.

Sendo así as cousas, a cidade non avanza “e somos as coruñesas e os coruñeses quen pagamos os pratos rotos”.

Veira tivo boas palabras para Noemí Díaz. “É unha boa persoa e puxo todo da súa parte para xestionar ben a súa concellaría. Mais tal e como funciona o Goberno Local, centralizando todo o poder nunha soa persoa, era moi difícil que esa concellaría funcionase ben”.

Sobre a bandeira

Inquirida ao respecto, a candidata do BNG á Alcaldía considera que “desde logo non é o tema de máis relevancia para a cidade, nun momento en que a vivenda si é un problema esencial, nun momento en que, como acabamos de expor, sufrimos unha parálise total do transporte público na Coruña”.

Avia Veira, sobre a dimisión de Noemí Díaz: “Non é un feito aillado. É un episodio que volve demostrar a incapacidade da alcaldesa para liderar un Goberno Local minimamente cohesionado. 

En calquera caso, opina que unha cuestión deste teor debería estar sostida “a partir de consensos científicos e historiográficos”. “E polo que levo lido e visto nas redes sociais, ese consenso non parece que exista”, salienta.

Mais si quixo anotar Avia Veira que “particularmente, creo que se Galiza asumiu a bandeira da Coruña como bandeira propia, penso que é un motivo de orgullo coruñés”.

Acto de conciliación Lorenzo-Rey

Tamén foi inquirida Veira sobre a presenza de Miguel Lorenzo nun xulgado a consecuencia dun trámite preprocesal ante o anuncio de querela contra el formulado pola alcaldesa.

“Vexo o PP e a alcaldesa moi nunha dinámica de Sálvame de Lux ou do Hola, dunha política de cotilleo que non ten nada a ver coas necesidades ou os problemas da xente”, avaliou.

Sobre a bandeira: “Non é o tema de máis relevancia para a cidade. En calquera caso, particularmente, se Galiza asumiu a bandeira da Coruña como bandeira propia, paréceme un motivo de orgullo coruñés”

“Non digo que a alcaldesa non teño dereito á honra e Lorenzo, a se expresar con liberdade. Mais todas e todos somos adultos. Sabemos o que é a política. A boa política é a que resolve os problemas da xente. A cidade non gaña nada con esta historia, que só serve para que aumente a desafección da xente coa política”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Así está o transporte público na cidade: nin se licita o contrato do bus urbano nin se dialoga co taxi