JORQUERA LEVA O ASUNTO AO #PLENOXULLO DO VINDEIRO 2X
Lograr a devolución do cárcere ao Concello é perfectamente posíbel: é só cuestión de vontade política
Pois ben, o BNG vaille dar a oportunidade ao Goberno de Inés Rey de que esclareza cal é esa solución e vaino facer por medio dunha pregunta oral no Pleno do vindeiro 2 de xullo.
“A alcaldesa dixo que o fallo da Audiencia Provincial respaldaba a postura do concello. Mais quero lembrar que se iso é así é grazas ao BNG e a outras forzas da oposición. Porque se non fose polo BNG e outras forzas da oposición, o Concello xa tería pagado 2,3 millóns de euros pola devolución do antigo cárcere”, afirma o noso viceportavoz no Concello, Francisco Jorquera, autor da pregunta oral.
En efecto, no seu día o Goberno de Inés Rey chegou a un acordo co Estado para conseguir a devolución do cárcere co pagamento desa cantidade de diñeiro e sen ningunha garantía de que se entregase o edificio, actualmente en condicións ruinosas, en bo estado.
“Felizmente, o acordo foi rexeitado polo Pleno”, remarca Jorquera.
Para o viceportavoz nacionalista, conseguir a cesión do antigo cárcere “nunhas condicións xustas” é basicamente “unha cuestión de vontade política”.
“Hai que facer valer, perante a administración central, o peso político de que tanto presume a alcaldesa. E o Concello ten que utilizar as ferramentas que ten ao seu alcance para forzar esa negociación”, salienta.
Como titular até o de agora do inmóbel, o Estado, como calquera particular, ten o deber de asegurar o seu mantemento e conservación.
Perante o incumprimento desas obrigas elementais por parte do propietario, o Concello pode e debe adoptar medidas forzosas e mesmo, se se der o caso, abrir o correspondente expediente sancionador.