UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO NO #PLENOXUÑO

Ao BNG si lle preocupan as condicións laborais do persoal dos servizos concesionados

David Soto e Avia Veira con representantes conserxarías de instalacións deportivas. Maio de 2026
David Soto e Avia Veira, nunha xuntanza con representantes das conserxarías de instalacións deportivas
Nas negociacións orzamentarias -velaí o acordo para as contas do Concello deste 2026- o BNG propuxo e conseguiu o aumento das partidas destinadas a moitos servizos municipais concesionadas. O obxectivo, a mellora das condicións laborais do persoal deses servizos.
Ao BNG si lle preocupan as condicións laborais do persoal dos servizos concesionados

Porén, ao grupo municipal nacionalista cónstalle que esas condicións non só non teñen mellorado, senón que, ao contrario, se teñen deteriorado.

É por isto que o noso concelleiro David Soto vai levar o asunto ao Pleno deste xoves cunha pregunta oral que reza como segue: “Á hora de redactar os pregos dos servizos municipais concesionados, que lle importancia lle dá o Goberno Local á mellora das condicións laborais das e dos traballadores?”.

A xuízo do BNG, o Goberno de Inés Rey non está a apostar pola mellora da situación laboral do persoal dos servizos municipais prestados en réxime de concesión.

“Estamos a ver circunstancias grave: impagamentos, salarios que non se actualizan conforme ao aumento do custo da vida... E naturalmente as e os traballadores reaccionan con mobilizacións, por exemplo o persoal monitor das actividades deportivas municipais, as traballadoras das escolas infantís dependentes do Concello  ou os conserxes das instalacións deportivas”, refire Soto.

“Sempre que o BNG ten sentado co Goberno Local para negociar uns orzamentos temos posto sobre a mesa a situación destas traballadoras e traballadores. Preocúpanos moito que o Goberno de Inés Rey non se tome en serio este asunto e ímoslle esixir que, en cumprimento dos acordos aos que ten chegado co BNG, mellore de vez a situación laboral do persoal dos servizos municipais concesionados”, conclúe.

 

 

 

 

 

Ao BNG si lle preocupan as condicións laborais do persoal dos servizos concesionados