PREGUNTA ORAL DE FRANCISCO JORQUERA

O Goberno Local móstrase evasivo á hora de explicar como vai resolver o desaxuste de 16 millóns de euros no orzamento 2025

Captura de pantalla 2026-04-09 124836
Jorquera, durante o pleno
O resultado orzamentario do Concello -de acordo coa liquidación das contas de 2025- deita un balance negativo de máis de 16 millóns de euros.
O Goberno Local móstrase evasivo á hora de explicar como vai resolver o desaxuste de 16 millóns de euros no orzamento 2025

O resultado orzamentario do Concello -de acordo coa liquidación das contas de 2025- deita un balance negativo de máis de 16 millóns de euros.

O desaxuste prodúcese por un desfase entre a previsión de ingresos e o diñeiro finalmente recadado polo Concello, sumando tamén a este os dereitos pendentes de cobro.

Foi esa circunstancia a que levou o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a lle preguntar no Pleno ao Goberno Local cal é a situación económica do Concello.

“Sólida e solvente”, respondeu o portavoz do Executivo coruñés, José Manuel Lage, unha resposta que o BNG ve “triunfalista” e “evasiva”.

Evasiva porque Lage evitou especificar como pensa resolver o Goberno Local ese burato de 16 millóns de euros. Limitouse a dicir que “se hai que facer algún axuste se fará”, para a seguir garantir que o desfase non vai afectar negativamente nin os investimentos nin os servizos públicos.

“Se hai que facer algún axuste se fará”, afirma Lage

Na súa intervención, Jorquera censurou que durante a negociación dos orzamentos de 2026 -pactados polo BNG co Goberno Local- “en ningún momento se nos advertiu que a liquidación do orzamento de 2025 podería traer consigo a necesidade de aprobar un Plan Económico Financeiro para reequilibrar as contas, cos conseguintes axustes, que poden afectar os investimentos contemplados nos orzamentos de 2026”.

A outra opción sería, remarcou, “derivar os axustes a 2027, deixándolle a pataca quente ao novo Goberno Local que resulte das vindeiras eleccións locais”.

Jorquera liga o mantemento da vixencia do acordo orzamentario de 2026 ao modo en que o Goberno Local resolva esta situación

E “nin unha cousa nin a outra nos parece seria”, enfatizou o portavoz nacionalista.

O sentido da pregunta de Jorquera era coñecer como o Goberno Local vai facer fronte á situación, “porque”, advertiu, “de como se resolva, vai depender de que consideremos se o acordo orzamentario ao que chegamos para este 2026 continúa a ter vixencia ou non”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O Goberno Local móstrase evasivo á hora de explicar como vai resolver o desaxuste de 16 millóns de euros no orzamento 2025