AVIA VEIRA AFIRMA QUE INÉS REY "FALLA NO GRANDE, NO MEDIANO E NO PEQUENO", MENTRES JORQUERA EXPLICITA AS LIÑAS VERMELLAS DO BNG PERANTE EVENTUAIS RECORTES
O BNG insta o Goberno Local a que mova ficha e explique que vai facer ante o burato no orzamento de 2025
“De como se resolva esta situación, vai depender que deamos por roto ou non o acordo orzamentario ao que chegamos en 2026”, afirmou o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen -canda a nosa candidata á Alcaldía, Avia Veira- mantivo un encontro cos medios para avaliar o Pleno desenvolvido onte.
“Esixímoslle que aclare, con todo detalle, como vai resolver esta situación porque onte no Pleno non o fixo. Limitouse a intentar restarlle importancia ao asunto cunha resposta tan triunfalista como evasiva”, remarcou Jorquera.
Tócalle, pois, ao Goberno Local pór unha proposta sobre a mesa “e a partir de aí, se a quere ver aprobada, ten que a negociar co BNG. Quen ten que mover ficha é o Goberno Local. Pronunciarémonos cando coñezamos a proposta”.
“Quen ten que mover ficha é o Goberno Local. Ten que pór unha proposta sobre a mesa e, a partir de aí, negociar co BNG. Desde logo non é de recibo pasar esta pataca quente ao vindeiro mandato, ao Goberno Local que saia das urnas de 2027”, remarca Jorquera
En todo caso, hai liñas vermellas a non traspasar: “O BNG centrou a negociación dos orzamentos 2026 en asegurar os investimentos necesarios nos barrios, ben como tamén dotacións suficientes para os servizos públicos municipais e para algúns convenios con entidades do terceiro sector que na nosa cidade xogan un papel fundamental. Desde logo, se o Goberno Local propón recortes sobre cuestións incorporadas aos orzamentos a proposta do BNG estaría a traspasar liñas vermellas”.
O BNG tampouco vería de recibo “pasar esta pataca quente” ao Goberno Local que saia das urnas en maio de 2027.
Un Goberno Local non confiábel
“Onte puidemos ver un Goberno Local non confiábel e evasivo nas súas respostas. Un Goberno Local que está a fallar no grande, no mediano e no pequeno”, afirmou Avia Veira.
“Está a fallar na xestión. Só así se explica que deixen un burato de 10 millóns de euros na liquidación do orzamento de 2025. Está a fallar tamén no urbanismo, incapaz de dialogar, como se acaba de ver na modificación puntual do PXOM sobre o Parque da Agra”, engadiu.
Esa incapacidade para dialogar viuse tamén no Pleno cando o Goberno Local foi incapaz de conseguir os votos necesarios para a adhesión do Concello á Asociación Culture Action Europe.”Trouxeron mal ese asunto ao Pleno, sen o informe do interventor. Un informe necesario porque a adhesión implicaba o pagamento por parte do Concello dunha cota. E era necesario que o interventor dixese se hai diñeiro suficiente no orzamento para facer fronte a esa obriga financeira”, engadiu.
Sobre a cuestión da confianza tamén falou Jorquera. Durante a negociación dos orzamentos 2026, o Goberno Local en ningún momento advertiu o BNG “de que a liquidación de 2025 podería traer consigo a necesidade de facer axustes que poden afectar os investimentos contemplados nos orzamentos de 2026”. “Se se confirmar que coñecía esta situación durante a negociación, é evidente que vai producir unha creba de confianza”, salientou
Modificación puntual do PXOM Parque da Agra
Onte, o Goberno Local retirou da orde do día do Pleno o punto en relación á aprobación inicial da modificación do PXOM sobre o Parque da Agra.
Fíxoo obrigado polo BNG, resaltou Avia Veira, “e non polos votos contrarios do PP, porque no Pleno os votos decisivos non son os do PP, senón os do BNG”.
O BNG obrigou o Goberno Local a retirar este punto do Pleno porque o documento que se sometía a debate contiña “serias deficiencias”, como sinalaban distintos informes técnicos, entre elas a non adecuación da proposta ás determinacións da Lei de Solo de Galiza de 2016.
Sobre a modificación puntual do PXOM en relación ao Parque da Agra: “Obrigamos o Goberno Local a retirar da orde do día un documento que non fora dialogado nin co BNG nin coa veciñanza. A proposta que vaia ao Pleno de maio ten que ser distinta”
Alén diso, a proposta chegaba sen o Goberno de Inés Rey a ter dialogado nin co BNG nin coa veciñanza.
“É por iso que acordamos crear unha mesa de traballo para materializar esa modificación puntual do PXOM. Mais só apoiaremos un documento que sexa distinto ao orixinalmente presentado polo Goberno Local e que garanta o dereito da Agra a ter un espazo verde en condicións e plenamente accesíbel”, avanza Veira.
“A Agra é un barrio fundamental na nosa cidade e precisa de coidado, cariño e atención. Traballaremos para que iso sexa así e para que se rectifique o documento enviado ao Pleno de onte”, concluíu.