18 SINISTROS REXISTRADOS DESDE OUTUBRO DE 2024 A DECEMBRO DE 2025

Que está a facer o Goberno Local ante o elevado número de accidentes laborais en Nostián?

WhatsApp Image 2026-04-13 at 13.47.20 (1)
Jorquera e David Soto, reunidos co comité de empresa de Albada
O concelleiro do BNG David Soto rexistrou un feixe de preguntas por escrito ao Goberno Local en relación aos riscos laborais aos que están expostos os traballadores da planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Nostián.
Que está a facer o Goberno Local ante o elevado número de accidentes laborais en Nostián?

Entre outubro de 2024 e decembro de 2025 rexistráronse até 18 accidentes laborais en Nostián e en outubro do ano pasado a Inspección de Traballo, a instancias dunha reclamación do comité de empresa, dirixiuse a Albada para que implementase unha serie de medidas con vistas a garantir a seguridade laboral, cun prazo máximo de cumprimento desas actuacións que expirou o pasado 3 de marzo.

Soto quere saber se o Goberno Local coñece o informe da Inspección de Traballo e, en caso afirmativo, que ten feito para garantir que Albada cumpre cos requirimentos que se lle teñen feito para protexer a saúde das e dos traballadores da planta.

Segundo a información que a representación do cadro de persoal ten trasladado ao grupo municipal do BNG, das esixencias que Inspección de Traballo impuxo a Albada, para o seu cumprimento antes do 3 de marzo, só se ten levado a cabo unha delas.

O concelleiro nacionalista inquire o Goberno Local se ten inspeccionado por si mesmo a planta nos últimos e, en caso de que así fose, en que datas e se ten emitido algún informe a partir desas visitas.

En definitiva, o BNG comparte a preocupación do cadro de persoal sobre a seguridade da planta nun contexto marcado polo feito de aínda estarmos á espera da licitación do novo contrato, a pesar de a concesión ter caducado en decembro de 2019 e as instalacións estaren moi deterioradas, o que obviamente incrementa os riscos laborais.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Que está a facer o Goberno Local ante o elevado número de accidentes laborais en Nostián?