PROPOSTAS QUE AFONDAN NUNHA REFORMA REAL NO USO DA ORA NA NOSA CIDADE

Presentamos hoxe as nosas alegacións á Ordenanza da ORA

Expendedor da ORA da nova concesión E-Park
Expendedor de tarxetas da ORA da nova concesión

Presentamos as nosas alegacións á ordenanza da ORA lembrando que o Goberno municipal aínda non levou a cabo no que vai deste mandato ningunha política de mobilidade alternativa e que os cambios importantes na ordenanza viran dados polas súas emendas

A eliminación do chamado “parking exprés”, a eliminación da obrigatoriedade de introducir a matrícula do vehículo, a solicitude da posibilidade uso en zonas de residentes a persoas traballadoras durante a xornada laboral, ou a exención do pago da ORA para persoas con discapacidade, entre as emendas que fixemos

Avia Veira: “Con estas alegacións pretendemos introducir modificacións máis atrevidas que as inicialmente propostas polo Goberno municipal; desde o BNG seguimos sen entender como desde a Concellaría de Mobilidade Sostíbel non se asumiu unha reforma máis profunda da ordenanza, e o por que esta reforma é a primeira medida en mobilidade que se toma despois de ano e medio de mandato”

Presentamos hoxe as nosas alegacións á Ordenanza da ORA

Vimos de presentar esta mañá por rexistro as súas alegacións á Ordenanza da ORA.

Deste xeito, as principais propostas que achegamos pasan pola solicitude da eliminación do chamado “parking exprés”, a eliminación da obrigatoriedade de introducir a matrícula do vehículo, a solicitude de uso a persoas traballadoras en zonas de residentes, ou a exención do pago da ORA para persoas con discapacidade.

A respecto do “parking exprés”, entendemos que o motivo da súa instalación foi a eliminación no seu momento do carril bus provocando un empeoramento das frecuencias do transporte colectivo da cidade e polo tanto empeorando a calidade do servizo. Deste xeito, e xunto coa eliminación deste formato da ORA, o Bloque volve solicitar a reposición do carril bus polas mesmas vías nas que estivera instalado, á espera de novos estudos que poidan recomendar o seu aumento ou a súa modificación. Alén disto, a finalidade coa que naceu este párking exprés, que é a de favorecer a rotación dos vehículos, non se está cumprindo. Entendemos, por tanto, que pode ser perfectamente eliminada esta variante da ORA.

Por outra banda, tamén solicitamos a eliminación da obrigatoriedade de ter que introducir a matrícula do vehículo cando se fai o pagamento para adquirir a tarxeta de estacionamento. As nacionalistas entenden que non é imprescindíbel, xa que logo, se un vehículo ten visíbel a autorización de estacionamento pagada na hora e data correctas enténdese como suficiente. Trátase, ademais, insisten desde a formación nacionalista, dun requisito que causa rexeitamento nas persoas usuarias e que impide o feito de que se poidan ceder tickets cando un usuario ou usuaria teña aboado un importe superior aos minutos empregados finalmente.

Tamén, noutra alegación, reclamamos a posibilidade do uso de espazos reservados para residentes (as zonas verdes) a persoas que teñan o seu centro de traballo nas mesmas durante a súa xornada laboral. “Esta ampliación de posíbeis persoas usuarias do estacionamento en espazo de uso de residentes fundaméntase na optimización do uso das prazas de zona de uso xeral e de zona de uso de residentes, xa que é frecuente atopar durante a semana, en horario laboral, as zonas azuis sobresaturadas (sen que en moitas se produza a rotación necesaria xa que están sendo empregadas por traballadoras e traballadores que precisan ter o seu vehículo estacionado durante toda a xornada laboral) e, á vez, as zonas verdes baleiras”, destacou a nosa concelleira Avia Veira.

Asemade, outra das iniciativas que presentamos é a referida á solicitude de exención do pago da ORA a todas aquelas persoas que teñan recoñecida algunha discapacidade e posúan a tarxeta correspondente. Así, o BNG solicita introducir este colectivo dentro daqueles que poden estar exentos de pagamento en zona ORA tendo en conta que a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade que obriga os concellos a aprobar normativas que garantan e favorezan a accesibilidade e a mobilidade de persoas con mobilidade reducida, e tendo en conta tamén que o número de prazas de aparcadoiro específicas para este colectivo son escasas.

Por último, cemos que con estas alegacións se pretenden introducir modificacións máis atrevidas e que incidan máis no uso da ORA que as que inicialmente presentou o Executivo e lembramos que o Goberno municipal aínda non levou a cabo no que vai deste mandato ningunha política de mobilidade alternativa e que os cambios importantes na ordenanza virán dados polas súas emendas.

“Desde o BNG seguimos sen entender como desde a Concellaría de Mobilidade Sostíbel non se asumiu unha reforma máis profunda da ordenanza, e o por qué esta reforma é a primeira medida en mobilidade que se toma despois de ano e medio de mandato”, concluiu a nosa concelleira Avia Veira.

Presentamos hoxe as nosas alegacións á Ordenanza da ORA