O APOIO Á QUERELA ARXENTINA E UNHA ORDENANZA DE TRANSPARENCIA, AS NOSAS MOCIÓNS NO PLENO DE OUTUBRO

Restituírmonos a memoria dos 600 asasinados na Coruña

Homenaxe a Pedro Galán Calvete en setembro deste ano
Homenaxe a Pedro Galán Calvete en setembro deste ano

Levamos ao Pleno de outubro unha moción de apoio á Querela Arxentina contra os crimes contra a humanidade cometidos na nosa comarca durante a Ditadura Franquista e outra sobre a necesidade de contar cun código ético e cunha ordenanza de transparencia no Concello da Coruña

Coa moción de apoio á Querela Arxentina, exiximos recuperar a verdade, a xustiza e de reparación en relación cos crimes cometidos, nomeadamente na nosa cidade e de amosar o apoio á Querela Arxentina para que se actúe contra o xenocidio e crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista

Coa moción relativa á necesidade de contar cun código ético –de obrigado cumprimento para todos os cargos públicos e persoal eventual– e cunha ordenanza de transparencia no Concello da Coruña, trasladamos a nosa preocupación por preservar e protexer en toda actuación política e administrativa a veracidade, a transparencia, a neutralidade, a dación de contas e a corresponsabilidade

Restituírmonos a memoria dos 600 asasinados na Coruña

Presentamos para o Pleno ordinario de outubro dúas mocións, alén da moción conxunta que presentamos todos os grupos en apoio das traballadoras e traballadores de Extel.

Nunha das mocións, solicitamos do Pleno o apoio á chamada Querela Arxentina.

O Juzgado Nacional en lo Criminal y Correccional nº 1, de Bos Aires abriu unha causa por crimes contra a humanidade perpetrados pola ditadura española na que ditaron até hoxe máis de vinte ordes de detención e extradición contra oito exministros franquistas e varios expolicías, gardas civís, militares, xuíces etc. En relación con este procedemento, máis de cen concellos de todo o Estado, entre eles os de Pamplona, Vitoria, Zaragoza, Rivas Vaciamadrid, Tarragona, Cádiz, e varios parlamentos de comunidades autónomas como Asturias, Cataluña, Andalucía, Comunidade Autónoma Vasca, e algunhas deputacións deron xa o seu apoio e adhesión a esta Querela Arxentina.

"Trátase de recuperar a verdade, a xustiza e de reparación en relación cos crimes cometidos en concreto na nosa cidade. É a nivel local onde as grandes e frías cifras de asasinatos, desaparecidos, encarcerados, exiliados etc, se concretan e toman corpo en nomes e apelidos, en relatos persoais, en probas tanxibles, en memorias a rescatar, en responsabilidades individualizadas. Así, acompañamos a moción cos nomes e apelidos das case 600 persoas das que se ten constancia que foron asasinadas na nosa comarca. É o noso deber recuperalas”, destaca a nosa concelleira Avia Veira.

A respecto da outra moción, queremos instar ao Goberno municipal a elaborar, xunto co resto dos grupos da oposición, unha ordenanza de transparencia, xa que logo, a responsabilidade política ten como fin a protección de intereses colectivos (non individuais) e públicos, tales como a ética pública, a confianza e a responsabilidade que deben operar no exercicio da política.

Trátase, pois, de preservar e protexer en toda actuación política e administrativa a veracidade, a transparencia, a neutralidade, a dación de contas e a corresponsabilidade porque o Público é o espazo do ben común que implica o dereito e o deber da súa conservación e fomento.

Deste xeito, na iniciativa ínstase elaborar esta ordenanza de transparencia que recolla a publicidade dos actos administrativos que se realizan desde a Administración Local (publicidade na web municipal das actas das sesións do Pleno e da Xunta de Goberno Local, así como do IMCE, do Consorcio de Turismo e do Consorcio da Música, a publicidade nas webs das sociedades municipais das actas dos seus consellos de administración, a publicidade das súas contas e as retribucións do seu persoal directivo, a publicidade das resolucións de Alcaldía e da Xunta de Goberno Local contidas nos libros de actas, a publicidade mensual da execución orzamentaria etc), a publicidade a respecto dos responsábeis públicos e persoal administrativo (publicidade na web municipal das retribucións e dietas de cada membro da Corporación municipal así como a publicación dos cargos eventuais, publicidade dos criterios de contratación dos cargos de libre designación ou das viaxes de todos os membros do Goberno e de todos os cargos de libre designación ou mesmo publicidade da axenda diaria), ou a publicación das relación do Concello a respecto de terceiros (das resolucións xudiciais en que sexa parte o Concello da Coruña e de todos os convenios e subvencións con entidades ou asociacións).

Na mesma moción tamén se solicita instar o Goberno municipal a elaborar, xunto co resto dos grupos da oposición, un código ético municipal e de boa conduta dos cargos públicos e persoal eventual con mecanismos de supervisión externo, cuxo incumprimento daría lugar á dimisión ou ao cese no cargo.

Neste sentido, lembramos que un dos eixos do Goberno da Marea Atlántica era a transparencia. “Recordamos que para decembro de 2015 debiamos ter aprobada unha ordenanza de transparencia. Xa estamos no último trimestre deste 2016 e non temos noticia algunha de que se estea avanzando ao respecto desta ordenanza nin do seu contido. Chócanos enormemente esta situación sobre todo por parte de quen en toda a campaña das eleccións municipais non se cansou de repetir constantemente que «querían abrir as portas e as ventás de María Pita.

Restituírmonos a memoria dos 600 asasinados na Coruña