MEMORIA HISTÓRICA
Solicitamos restaurar o Monumento ás vítimas do golpe de estado e da Guerra Civil
Presentamos ao Pleno ordinario de novembro unha iniciativa para a restauración do monumento de Isaac Díaz Pardo en homenaxe ás vítimas represaliadas no golpe de Estado do 36 do Campo da Rata
Actualmente, este monumento presenta importantes deficiencias, como por exemplo que as inscricións están borrosas e perderon a súa cor orixinal, que xa non existe a foto dos fusilamentos dun dos dólmenes, que os poemas son totalmente ilexibles ou que as manchas de pintura vermella que simbolizaban o sangue dos represaliados desapareceron
Presentamos para o seu debate no Pleno ordinario de novembro unha iniciativa na que solicitamos do Goberno municipal a restauración, de xeito fiel ao proxecto presentado no seu día polo autor Isaac Díaz Pardo, do monumento aos respresaliados e ás represaliadas do golpe de Estado e da Guerra Civil.
Hai que lembrar que este monumento inaugurouse en 2001 no Campo da Rata, co que o seu autor, Isaac Díaz Pardo, pretendía render un tributo ás vítimas represaliadas, nas súas propias palabras, inmolados nestes campos frente ao mar tenebroso por amar causas xustas, en referencia precisamente onde se sitúa o monumento e lugar utilizado polos autores do golpe de Estado como campo de fusilamento de centenares delas, unhas sacadas da cadea e paseadas, outras despois de xuízos ilegais levados a cabo polas autoridades franquistas.
Precisamente, e acompañada por Manuel Monge, a nosa concelleira Avia Veira visitou o monumento, comprobando de primeira man a situación de abandono na que se atopa. De feito, tanto Avia como Manolo corroboraron como o sinal indicativo onde se sinalababa a existencia do monumento ás persoas represaliadas da Guerra Civil foi extraído do seu sitio sendo substituído por outro sinal onde non se fai referencia ningunha ao significado do monumento e á súa relevancia.
Actualmente o monumento, presenta importantes deficiencias. Como exemplo podemos indicar que as inscricións están borrosas e perderon a súa cor orixinal, que xa non existe a foto dos fusilamentos dun dos monolitos, que os poemas son totalmente ilexibles ou que as manchas de pintura vermella que simbolizaban o sangue dos represaliados desapareceron.
Deste xeito, demandamos do Goberno municipal que proceda a restaurar o monumento, de xeito fiel ao proxecto presentado no seu día polo autor Isaac Díaz Pardo, como símbolo e lembranza de todas aquelas persoas que polas súas ideas foron executados e represaliados durante o golpe de Estado, a Guerra Civil e na represión posterior.
A Coruña, 3 de novembro de 2016