APROVERTAREMOS A COMISIÓN DE VOCEIRAS E VOCEIROS PARA PREGUNTARLLE AO ALCARDE POR ESTA NEFASTA XESTIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL
Por que se perderon os 15 millóns dos fondos Edusi?
Exixirémoslle explicacións ao Goberno municipal sobre a perda de 15 millóns de euros de fondos EDUSI na Comisión de Voceiros que terá lugar este xoves día 6.
Xa temos solicitado por rexistro toda a documentación relativa á solicitude destes fondos europeos e á contestación dada polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas
Desde o Bloque lembramos que se trata da distribución duns fondos en base a unha convocatoria pública e non dun sorteo que dependa do azar polo que todo indica que esta perda de financiamento débese a unha mala xestión do Goberno municipal, que terá que facer un exercicio de autocrítica e rectificar de cara á nova convocatoria
O noso Grupo Municipal, aproveitando a convocatoria ordinaria da Comisión de Voceiras e Voceiros prevista para mañá, xoves día 6 de outubro, exixiralle explicacións ao Goberno municipal a respecto da perda dos 15 millóns de euros dos fondos EDUSI e que deixan nunha situación moi crítica diversas actuacións que o propio Executivo tiña previsto financiar a través dos mesmos.
Xa que logo esta perda pode supor a paralización de diversos investimentos que se tiñan previsto realizar no próximo ano, tales como as actuacións nos mercados municipais de Monte Alto, Santo Agostiño, Durmideiras e Santa Lucía, ou os proxectos para a erradicación do chabolismo ou o mantemento e ampliación de diversos parques infantís na cidade, queremos que o propio Alcalde, na reunión convocada para mañá, dea explicacións de como se produciu esta perda e dea conta de cales foron eses “motivos técnicos” ao que se aluden desde o Ministerio de Facenda e AA.PP. e desde o propio Goberno Municipal.
“Onte mesmo, en canto transcendeu a noticia, solicitamos o inmediato acceso ao expediente completo do procedemento de convocatoria da Estratexia Integral de Desenvolvemento Urbano Sostible (Eidus) 2014-2020 incluída a contestación remitida polo Ministerio; queremos saber de primeira man cales son os motivos polos que o Concello da Coruña quedou fóra destas achegas alén das explicacións que o propio o Alcalde nos dea mañá”, indica a nosa concelleira Avia Veira aos medios de comunicación.
Desde o Bloque lembramos que a asignación destes fondos realízase a través dunha convocatoria pública, que require do cumprimento dunha serie de documentación e procesos e que non se trata en ningún caso dun sorteo.
“A perda deste financiamento débese a unha mala xestión do Goberno municipal, que terá que facer un exercicio de autocrítica e rectificar de cara á nova convocatoria. ”, conclúia a propia Avia Veira no comunicado remitido desde o Grupo Municipal do BNG.