A Xunta prefire destinar 12 millóns ao túnel do Parrote no lugar de destinalos á ría do Burgo
A Coruña, 3 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vaia destinar 12 millóns de euros para o túnel do Parrote cando mantén no esquecemento un dos principais sectores económicos da Coruña: a ría do Burgo. As nacionalistas advirten de que o viario do Parrote é unha obra carente de interese xeral e que só serve para agasallar a empresa Copasa ao lle construír parte da estrutura do aparcadoiro por conta do erario público. Así, denuncian que a Xunta de Galiza se pon ao lado de Copasa mentres abandona os traballadores e traballadoras do mar e a Confraría da Coruña, que tantos anos levan loitando en defensa da limpeza integral da ría.
As nacionalistas amósanse moi críticas con que a Consellaría da Coruña dilapide 12 millóns nunha obra carente de interese social e público mentres renuncia a sanear a ría do Burgo, unha actuación que si ten interese social e humanitario, xa que crearía postos de traballo de calidade e riqueza.
A Xunta e o Concello, os paganini
Segundo a documentación que foi á Xunta de Goberno Local extraordinaria o pasado xoves, o Concello da Coruña pagou 1,5 millóns para as obras do Parrote no 2012 e pagou 593.387,62 euros a cargo dos orzamentos municipais de 2013. Pola súa banda, a Xunta de Galiza pagou 3 millóns a cargo dos orzamentos galegos e pagará 7 millóns no 2014 e 2 millóns no 2015.
O cronograma do convenio de 23 xaneiro de 2012 asinado entre Concello e Autoridade Portuaria contemplaba para o 2012, un gasto de 1,5 millóns; para o 2013, de 12 millóns e para o 2014, de 593.387,62 euros.
Chama a atención, unha vez máis, a inmunidade da Autoridade Portuaria, a gran beneficiada da operación, que non pon un peso para o túnel do Parrote. Debería ser a Autoridade Portuaria quen asumira o custo das obras do Parrote, xa que se atopan en terreos que son da súa competencia, e non do Concello da Coruña, que vai pagar parte da obra, nin da Xunta de Galiza, que sae ao rescate de Copasa en terreos que non lle competen.