O BNG reclama medidas específicas de fomento do emprego para as mulleres

O BNG reclama medidas específicas de fomento do emprego para as mulleres

A Coruña, 2 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o desemprego descendeu na cidade da Coruña en 572 persoas polo tirón do emprego estacional, que se caracteriza por contratos temporais e precarios. Porén, na nosa cidade, o número de persoas que sofren o desemprego segue a ser alta: 22.746 persoas, dos que 10.794 son homes e 11.952 son mulleres. É por iso que as nacionalistas insisten en emprazar o Goberno do Sr. Negreira a desenvolver medidas específicas de fomento do emprego nas mulleres, que tratan de facer compatíbel o traballo produtivo, o reprodutivo e o invisíbel.

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o traballo feminino informal e vulnerábel con salarios máis baixos fai as mulleres máis débiles que os homes en tempo de crise. Por iso, esixen políticas encamiñadas a favorecer o emprego de calidade entre as mulleres, que contan con maiores obstáculos para acceder e permanecer cun posto de traballo en igualdade de condicións.

Pola outra banda, as nacionalistas volven advertir de que as 22.746 persoas rexistradas nas listaxes do desemprego obvian o drama da emigración, especialmente da mocidade, feito que amortece a suba do desemprego. Máis de 65.000 persoas tiveron que emigrar forzosamente desde o comezo da crise, concretamente entre 2007 e 2011 segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

 

 

O BNG reclama medidas específicas de fomento do emprego para as mulleres