A Xunta exixiulle ao Goberno do Sr. Negreira cambios importantes no PEPRI
A Coruña, 19 de xaneiro de 2015.- O documento do PEPRI para a súa aprobación definitiva polo pleno da corporación municipal do vindeiro día 26 de xaneiro de 2015, para infortunio e desgraza do Goberno Local, non será o mesmo que aprobou de forma provisional na Xunta de Goberno Local do día 12 de decembro de 2014. E non vai ser o mesmo desde o momento en que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza, a diferenza do que quería o Goberno Local, exixíulle un considerábel e importante conxunto de modificacións en informe de 15 de xaneiro de 2015.
Moitas de tales modificacións son para eliminar precisamente algúns dos cambios introducidos a última hora polo Goberno Local, propios do seu barra libre e do todo vale e sen lei, que foron denunciados polo Grupo Municipal do BNG no seu día, sinaladamente en notas de prensa do 12 e 13 de decembro (denunciando os cambios no nivel de protección dalgúns edificios catalogados, no alcance normativo dos documentos, nos órganos asesores en materia de protección, nas limitacións á publicidade exterior, nas unións funcionais de edificios e agrupacións parcelarias, nas bufardas, nos toldos e marquesiñas, nas normas xerais de uso e nas ordenanzas reguladoras tipo da Cidade Vella, Atochas-Derribo, Pescadería Sur ) e do 14 de decembro de 2014 (denunciando a ordenanza das Areas Urbanas Renovadas). Denuncias que foron reiteradas, a través de pregunta oral dirixida ao Goberno Local, no pleno de decembro de 2014.
Nunha primeira valoración, entre os cambios importantes exixidos ao Goberno Local pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural figuran os seguintes.
Nivel de protección dos edificios catalogados
A diferenza do que quería o Goberno Local, Patrimonio exixe que o Cinema Avenida volva á súa consideración anterior aos cambios introducidos polo Goberno Local en decembro de 2014. Así, deberá manter o nivel de protección II (singular valor arquitectónico integral).
Fóra de ordenación (artigo 73)
A diferenza do que quería o Goberno Local, hai cambios no artigo 73, sobre edificios fóra de ordenación. Nas novas obras que se autoricen excepcionalmente debe eliminarse o que está fóra de ordenación, tal e como figuraban no Pepri anteriormente informado, dado que tales obras teñen que ir acompañadas de actuacións de acomodación ás previsións do plan.
Normas xerais de usos (artigos 127, 129)
A diferenza do que quería o Goberno Local, no artigo 127, sobre regulación dos tipos de uso dos edificios, que eran diferentes aos que figuraban na aprobación inicial polos cambios introducidos polo Goberno Local, Patrimonio sinala a respecto dos usos alternativos o seu carácter excepcional e necesitado en todo caso de informe da comisión asesora do PEPRI
A diferenza do que quería o Goberno Local, no artigo 129, en que o Goberno Local eliminaba as limitacións estabelecidas para subdivisión de vivendas, Patrimonio recomenda manter o texto anteriormente informado, isto é, recoméndalle ao Goberno Local que se replantexe a súa decisión de eliminar os límites na subdivisión de vivendas.
Cambios nas ordenanzas da Cidade Vella, Atochas-O Derribo (art. 143) e Pescaría Sur (art. 144)
A diferenza do que quería o Goberno Local, no caso da ordenanza da Cidade Vella (artigo 142), Patrimonio non permite nin parcelacións, nin agregacións de inmóbeis (só agás que contribúan á conservación xeral do conxunto). Non permite a realización de bufardas. E a implantación dos usos alternativos nos edificios, está condicionado a informe favorábel da comisión asesora do PEPRI, debendo prevalecer en todo caso a recuperación da área residencial.
Todos estes cambios exixidos por Patrimonio tamén se aplican na Ordenanza de Atochas-O Derribo (artigo 143) e na ordenanza da Pescaría Sur (artigo 144), dado que nestas zonas e para o ámbito do conxunto histórico rexen as mesmas restricións que as sinaladas agora por Patrimonio para a Cidade Vella.
Ordenanza das Áreas Urbanas Renovadas (A.U.R)
E por último, a diferenza do que quería o Goberno Local respecto das áreas urbanas renovadas (AUR) do artigo 146bis, Patrimonio é tamén moi restritivo a respecto do todo vale e sen lei do Goberno Local, porque lle impón que nestas zonas e para o ámbito histórico rexerán as mesmas restricións estabelecidas agora por Patriminio na ordenanza da Cidade Vella.