O BNG denuncia atrasos na estrea das aulas do CEIP Emilia Pardo Bazán
A Coruña, 18 de xaneiro de 2015.- Despois de numerosos atrasos no comezos das obras -que terían que comezar en outubro de 2013 segundo recoñecera o propio Sr. Negreira- as novas instalacións do CEIP Emilia Pardo Bazán non poderán ser empregadas até despois do entroido, segundo advertiron o Goberno local e a Consellaría de Educación. E isto a pesar de que se lles informara as familias que os seus fillos e fillas regresarían das vacacións de nadal directamente ás novas aulas. A sorpresa dos pais e nais foi maiúscula cando, ao comezar o periodo lectivo de xaneiro, se decataron de que a estrea das instalacións, unhas obras reclamadas durante anos pola comunidade educativa, tería que adiarse até despois do entroido.
As nacionalistas pídenlle ao Sr. Negreira que dea explicacións sobre as causas do atraso do uso das novas aulas, máxime cando en plenas vacacións de nadal, agochado dos pais e nais e do profesorado, fotografouse xunto co conselleiro de Educación nas obras do CEIP a modo de visita de inauguración. E isto sabendo que pasado o entroido o Sr. Negreira volverá ao Emilia Pardo Bazán a fotografarse por enésima vez buscando réditos electorais.
O Grupo Municipal do BNG sinala que malia a propaganda oficial e da promesa do conselleiro de educación no 2011 de manter o compromiso adquirido polo goberno anterior ao do Sr. Feijoo, malia a promesa de comezo das obras para o primeiro semestre de 2011 e malia a promesa do inicio das obras para o mes de outubro de 2013 por parte, entre outros, do Sr. Negreira, as novas aulas aínda a estas alturas non puideron ser estreadas.