O BNG preguntará no pleno polo futuro d@s praceir@s de Santa Lucía
A Coruña, 20 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG levará a loita dos praceiros e praceiras do mercado de Santa Lucía ao vindeiro pleno municipal, despois de que o Goberno do Sr. Negreira adiara a resolución do problema a xullo de 2015, xusto despois das eleccións municipais. Deste xeito, as nacionalistas preguntaranlle ao Goberno municipal cal é o estado de cumprimento da moción en defensa e apoio dos postos de traballo dos praceiros e praceiras deste mercado, unha iniciativa que foi aprobada de maneira unánime por toda a Corporación na sesión plenaria do mes de outubro.
A este respecto, o Grupo Municipal do BNG volve emprazar o Goberno do Sr. Negreira a cumprir todos e cada un dos puntos da citada moción, nomeadamente, o acordo en virtude do cal os praceiros e praceiras deste mercado poderían continuar coa súa actividade no propio barrio mentres tivesen lugar as obras de rehabilitación do inmoble. A moción tamén recollía que tras a finalización das obras se adoptarían as medidas correspondentes para que os praceiros e as praceiras puidesen incorporarse aos postos que se ofertasen no novo edificio do mercado de Santa Lucía -sempre a través dos procesos selectivos correspondentes- tendo en conta a experiencia e os anos de dedicación con profesionalidade e atención destas persoas.
O millón de euros gastados polo Sr. Negreira no nadal correspóndense coa realidade social?
Outra das preguntas que formulará o Grupo Municipal do BNG na sesión plenaria deste luns terá a ver cos gastos de nadal, que este ano superaron o millón de euros. As nacionalistas, que veñen de ter acceso ao expediente do IMCE que recolle os custos da cabalgata, pregúntanlle ao Goberno do Sr. Negreira se entende que os gastos realizados polo concello nas festas do Nadal se corresponden coa realidade social que vivimos.
As nacionalistas contrapoñen o millón de euros dilapidados polo Goberno do Sr. Negreira no nadal fronte aos recortes en servizos sociais e fronte á cantidade de coruñeses e coruñesas que non atopan traballo. Non esquece o Bloque que entre setembro, outubro e novembro o desemprego subiu en 741 persoas e que a día de hoxe se atopa nas 21.698 persoas. Os datos oficiais do paro non recollen nin o impacto da emigración nin todas aquelas persoas que xa non se anotan nas listas do desemprego por teren finalizado o subsidio.
Gran parte das reclamacións do pobo pertencen á Concellaría de Medio Ambiente e a Mobilidade
Sobre o informe anual de suxestións e reclamacións (SeR) de 2013, que foi levado ao derradeiro pleno de 2014, o Grupo Municipal do BNG preguntará como valora o Goberno do Sr. Negreira os datos achegados. Ás nacionalistas chámalles a atención o incremento dun 7,46% no número de reclamacións, moitas veces reiterativas. Este aumento deuse, principalmente, nas áreas de Medio Ambiente e Mobilidade.
Na área de Mobilidade son moi reiterativas as queixas en todo o relacionado coa Compañía de Tranvías: sobre todo no que ten a ver cos percorridos das liñas e o mal funcionamento das tarxetas Millenium, cos conseguintes prexuízos para as persoas usuarias do servizo de transporte urbano. Na área de Medio Ambiente, as reclamacións teñen a ver, fundamentalmente, coa falta de limpeza dos barrios.