Vitoria Louro: "Votar o BNG é votar polo traballo na nosa terra e por unha vida digna na nosa terra"

Vitoria Louro: "Votar o BNG é votar polo traballo na nosa terra e por unha vida digna na nosa terra"

A Coruña, 10 de outubro de 2012.- A xeira de mitins do BNG ao longo de todos e cada un dos barrios da cidade levou estar tarde os e as nacionalistas ao Castrillón (CEIP Juan Fernández Latorre), onde o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, chamou o público presente a “non ter medo”, porque “o modelo do PP é un modelo fracasado e porque hai alternativa: a alternativa que representa o BNG e que implica apostar polo traballo, pola democracia e pola soberanía”. Foi o propio Carril o encargado de abrir o acto público e quen lle deu paso a Alfonso Varela, en representación do sector do ensino, que falou dos recortes do PP, a Francisco Rodríguez, membro do Consello Nacional do BNG e ex deputado, que alertou do desastre ao que o PP aboca o país, e a Vitoria Louro, candidata pola Coruña.

A candidata erixiu o BNG como a alternativa á barbarie do PP, “somos a única alternativa con medidas que garanten que as galegas e galegos vivan na súa terra, traballen na súa terra e teñan unhas condicións de vida dignas na súa terra”. Para isto, sinalou, hai que protexer os servizos públicos esenciais e hai que avanzar en democracia e soberanía.

Vitoria Louro marcou como obxectivo prioritario emendar punto por punto todos os recortes que o PP aplicou nos servizos públicos e loitar por un emprego digno e na terra, “porque non esquezamos que Feijóo incrementou a taxa de desemprego un 72%”. Así, propuxo o apoio aos sectores produtivos do país, derrogar as reformas laborais que agreden a clase traballadora e políticas que se opoñan á deslocalización das empresas e que rexeiten a precariedade laboral. Engadiu unha banca pública galega que axude a financiar os recursos do país, as pemes e as familias e por un modelo de financiamento xusto con Galiza.

“Non é de recibo que Inditex ou Fenosa paguen os impostos en Madrid”

Neste sentido, a candidata do BNG apostou por un modelo de financiamento propio, igual que o ten Euskadi, igual que o pide Catalunya. “Galiza non é un país dependente, como nos queren facer ver. Os galegos e galegas contribuímos con máis diñeiro en impostos ao Estado que o que o Estado nos devolve”, denunciou.

Na mesma liña, propuxo unha política fiscal propia para que pague máis quen máis ten a través dun aumento do IRPF para as rendas superiores ou un grave adicional para as empresas que obteñen grandes beneficios en Galiza e que tributan fóra do país. “Non é de recibo que Inditex e Fenosa coticen en Madrid”, salientou.

“Para todo isto é para o que o BNG reclama máis autogoberno: para conquistar a soberanía, que non é máis que poder decidir por nós mesmos, para poder construír unha Galiza máis libre e máis xusta, para defender nós directamente os nosos intereses alí onde se traten, para poder acabar coas políticas antisociais e antigalegas que destrúen os nosos sectores produtivos e impiden desenvolvernos”, apuntou. “A ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia”, alertou e deu conta, a continuación, das propostas do BNG para afortalar a participación cidadá.

“Só o BNG fala o mesmo na Coruña, en Madrid e en Bruxelas”

Vitoria Louro contrapuxo as dúas opcións: “o 21 teremos que optar por un presidente da Xunta de Galiza como Jorquera, que mira polos galegos e galegas, ou un submiso e fiel aos ditados do PP como é Feijóo, que o único que fixo foi traizoar os intereses do noso país”. “A alternativa é o BNG, porque é o BNG a única forza nacionalista e de esquerdas, porque só o BNG fala o mesmo no Castrillón, que en Madrid e en Bruxelas, porque só o BNG é libre de tomar en Galiza as súas decisión, sen pedirlle permiso a ninguén en Madrid e porque levamos a Galiza na cabeza e o corazón á esquerda”, sinalou.

Por último, a candidata nacionalista emprazou a todas as persoas resignadas “a apoiar o 21 de outubro ao BNG, porque votar o BNG é votar por un futuro de esperanza para os galegos e galegas”.

 

 

Vitoria Louro: "Votar o BNG é votar polo traballo na nosa terra e por unha vida digna na nosa terra"