Ana Pontón comprométese a defender uns servizos públicos de calidade e o seu persoal
A Coruña, 10 de outubro de 2012.- Ana Pontón, candidata número dous pola Coruña e portavoz parlamentar, e Suso Bermello, tamén candidato e sindicalista, mantiveron esta mañá un encontro con representantes sindicais do sector público. Entre outros, estiveron presentes representantes do Concello da Coruña, de PAS, de Persoal Docente Investigador da UdC, da Xunta de Persoal Docente, da Xunta de Persoal non Docente, da Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña, de comités de empresa da Consellaría de Educación e de comités de empresa da Consellaría de Medio Rural.
En declaracións aos medios, Ana Pontón salientou o compromiso do BNG polos servizos públicos e polas condicións de traballo dos e das empregas públicas e rexeitou os ataques constantes aos e ás representantes dos e das traballadoras, coa eliminación de dereitos sindicais.
A candidata nacionalista explicou que o sector público conta cun elevado índice de temporalidade, persoal interino e temporal, que sufriu os efectos equivalentes ao maior ERE do país, do despedimento de miles de interinos. Nesta liña, apelou a sermos conscientes de que a meirande parte do persoal público conta cunhas retribucións que non superan os mil euros e que a contención ou a redución salarial do persoal persoal público incide na economía da Coruña. O PP está a reducir o poder adquisitivo dos e das empregadas públicas e está a provocar a contracción do consumo, sinalou. Ademais, advertiu de que as políticas restritivas cos empregados públicos son sempre a antesala da contención salarial na negociación colectiva no sector privado.
O BNG potenciará os servizos públicos de calidade, cun persoal prestixiado e con representantes sindicais que poidan exercer as súas funcións libremente
A candidata nacionalista expuxo que o BNG quere uns servizos públicos de calidade, un persoal prestixiado e con boas condicións de traballo, e uns representantes sindicais que poidan exercer as súas funcións libremente e sen eliminar dereitos e recursos.
Con respecto ao persoal, Ana Pontón advertiu de que a política de austeridade, primeiro do PSOE e despois do PP, asañouse cos empregados e empregadas públicas, mentres se triplicou a débeda pública. O deterioro das condicións de traballo e de salario desde o ano 2010 foron tremendas, salientou.
O BNG ofrece a rebeldía nos concellos
Neste contexto, propuxo usar as institucións para forzar cambios a nivel do Estado e aplicar no noso marco competencial as melloras que sexan posíbeis. Fronte a isto, lembrou que Feijoo foi máis alá do que lle impuxo o propio Rajoy nos descontos das baixas médicas do persoal público.
Así, a candidata e portavoz parlamentar sinalou que o BNG está, na práctica, ofrecendo a rebeldía nos concellos como saída para evitar os recortes nas pagas extras.
Sen colar directivos nin persoal eventual
A nacionalista puxo de manifesto que o BNG se negará a que se abra a porta de atrás na administración para colar directivos e persoal eventual que non sexa funcionario, ao contrario do que fai o PP.
E, por último, con respecto aos servizos públicos, Ana Pontón salientou que o programa do BNG inclúe propostas para mellorar os servizos que se prestan, para ir cara unha universidade, un ensino público non universitario, un servizo galego de saúde e un administración de calidade, eficientes e que non sufran recortes. Loitamos contra as privatizacións e pola xestión pública dos servizos básicos, concluíu.