Ana Pontón reclama unha tarifa eléctrica galega na reunión cos traballadores de Alcoa
A Coruña, 11 de outubro de 2012.- Ana Pontón, candidata número 2 pola Coruña, Ana Luísa Bouza, candidata número 3, e Suso Bermello, tamén candidato, reuníronse esta mañá co Comité de Empresa de Alcoa, que trasladou a preocupación dos traballadores polo futuro das dúas plantas que a empresa ten no país, na Mariña e na Coruña. Tamén denunciaron os traballadores a opacidade coa que se están a levar as negociacións sobre o mantemento dos postos de emprego.
En declaracións aos medios despois do encontro, Ana Pontón sinalou que Alcoa é unha peza fundamental do tecido industrial do país, non só polo que representa en termos de PIB, senón, fundamentalmente, polo número de postos de traballo que están en xogo. E dicímolo claramente, o BNG non é ningunha sorte de delegación dos intereses da empresa, a nós preocúpanos o mantemento dos postos de emprego, apuntou.
A candidata nacionalista e portavoz parlamentar denunciou que a esta situación chegamos polo desleixo da Xunta de Galiza, que non tivo políticas industriais e que non fixo ningunha presión en defensa dos nosos sectores produtivos. Tanto o Concello da Coruña como a Xunta de Galiza simplemente deixaron que as situacións se enquistaran, engadiu.
Ana Pontón expuxo que a solución é sinxela, no corto prazo hai que negociar unha tarifa para os grandes consumidores eléctricos, unha tarifa como a que teñen os países da UE, porque non é de recibo que o Goberno central maree a perdiz e xogue co futuro de milleiros de persoas e do futuro industrial do noso país.
Feijóo non ten nin peso nin vocación de que Galiza se poida defender
É inxeplicábel que unha empresa marche dun país excedentario de enerxía eléctrica por un problema coa tarifa, sinalou. Isto constata que Feijóo non ten nin peso nin vocación de que Galiza se poida defender, engadiu.
Nesta liña, a candidata pola Coruña advertiu de que, é fundamental unha tarifa eléctrica propia para Galiza, xa que hai un marco legal que así o permite. Explicou que é máis barato subministrar a enerxía en Galiza que en Madrid ou que nas Illas Canarias e puxo de manifesto que cómpre ter en conta o custe ambiental e social da produción de enerxía no noso país, por iso insistiu nunha tarifa que nos beneficie.
Non só se beneficiarían as industrias da tarifa enerxética galega que propón o BNG, senón que se beneficiaría o conxunto dos galegos e galegas, salientou. Lembrou Ana Pontón que temos unha das tarifas eléctricas máis caras da UE, nun país que é especializado na produción enerxética e que o máis caro é a distribución. Estamos a ser vítimas dun espolio da nosa riqueza e hai que acabar con estas situacións inxustas, afirmou. Temos dereito a defender o noso e só así poderemos facerlle fronte á crise, concluíu.