A venda dos inmobles municipais: crónica dun fracaso anunciado polos prezos desproporcionados
A Coruña, 24 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG non se estraña do fracaso do Goberno do Sr. Negreira ao ficar deserta a poxa de dous pisos municipais e das sete prazas de garaxe postas á venda. Os nacionalistas relacionan a venda frustrada coa disparatada valoración económica dos inmobles, máxime ao seren pisos de bastante antigüidade (17 anos no das Lagoas e 9 anos no da Avenida de Chile).
No caso do piso do edificio das Lagoas (Paseo Francisco Vázquez, 66, 7º) trátase dun edificio construído en 1995 (isto é, cunha antigüidade de 17 anos), polo cal unha valoración de 226.400 euros (a 2.144 euros/m2) é totalmente desproporcionada respecto do valor de mercado dos pisos nesa zona e para unha vivenda con 17 anos. O mesmo sucede coa valoración das prazas de aparcadoiro neste edificio (a 27.333 euros/praza).
No caso dos inmobles (piso e garaxes) da Avenida de Chile, trátase dun edificio de 9 anos de antigüidade (construido en 2003) que é valorado a 1.917 euros/m2 (224.240,61 euros en total, incluíndo praza de garaxe e trasteiro).
O BNG xa prevera que a adxudicación ficaría deserta dados os prezos elevados e desaxustados á situación actual do mercado
Precisamente, a semana pasada o Grupo Municipal do BNG prognosticara que a adxudicación ficaría deserta ao fixar un prezo mínimo tan elevado e desaxustado á situación actual do mercado. Xa no informe de valoración municipal recoñécese que para todos os locais postos á venda a oferta é superior á demanda e precísase, ademais, que as expectativas de revalorización pesentan unha tendencia á baixa.
Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG considera que a valoración do Goberno do Sr. Negreira carece de suficiente motivación, xa que a comparación foi efectuada con locais situados noutras zonas da cidade, cando o que esixe a normativa legal é que sexan na mesma zona. Por exemplo, para a valoración municipal dos locais das Lagoas compárase con outros situados en Juan Florez, Avda. Chile, Adelaida Muro e Zalaeta, zonas afasatadas e distantes.
O BNG optaría polo concurso, atendendo aos recursos económicos das persoas interesadas, e non á poxa
O Grupo Municipal do BNG inclinaríase polo concurso e non pola poxa e que, ademais do factor do prezo, se tivesen en conta e se valorasen outras circunstancias, como a situación económica ou familiar das persoas interesadas. E é que ao formaren parte do Patrimonio Municipal do Solo os inmobles postos á venda, tanto a lexislación galega como a estatal permiten que a enaxenación destes bens se poida facer tamén por concurso e que se teñan en conta para a adxudicación outras variábeis.