Non hai compromiso orzamentario ningún da Xunta de Galiza coas obras do Parrote
A Coruña, 24 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG municipal critica que o Goberno Municipal "espere" agora que a Xunta de Galiza financie as obras do Parrote cando antes dicía que o Goberno galego xa comprometera cartos. Neste contexto os nacionalistas volven denunciar, como veñen facendo desde hai meses, que non hai compromiso orzamentario da Xunta de Galiza coas obras do Parrote, á marxe dos 20.000 euros consignados nos orzamentos de 2012 (partida 07.A1.512B.760.0 convenio subterráneo A Mariña-O Parrote). Así, chaman a atención sobre a actitude do Goberno municipal, cuxo portavoz se decata, precisamente agora, de que nas contas da Xunta de Galiza para este mesmo ano tan só hai orzados 20.000 euros para as actuacións que se acometen no Parrote.
O Grupo Municipal do BNG advirte, ademais, de que a Xunta de Galiza non comprometeu fondos para esta obra. Simplemente, fixo unha previsión plurianual (tal e como se recolle na ficha de actuación que se achega) en que só se pagarían 500.000 euros no 2013 e 2 millóns no 2014, deixando o resto dos fondos para o 2015 e os anos seguintes. E esta previsión, sinalan os nacionalistas, non vincula nin lle implica obrigas á Xunta de Galiza. Deste xeito, tal e como se recolle nos orzamentos galegos de 2012, o Grupo Municipal do BNG apunta que, contra o que di o Goberno do Sr. Negreira, non hai ningunha reserva de 12 millóns de euros para O Parrote.
Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG denuncia que nos anos en que, precisamente, van executarse as obras do Parrote, 2013 e 2014, a Xunta de Galiza, tal e como recollen os orzamentos, tan só prevé transferir 2,5 millóns de euros. Pregúntanse os nacionalistas de onde van saír o resto de fondos para pagar o agasallo do PP a Copasa.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG tamén se pregunta onde está o convenio de financiamento coa Xunta de Galiza para financiar cos 20.000 euros o viario, un convenio que xa fora anunciado en outubro de 2011 o conselleiro de Infraestruturas. Sen este convenio, salienta o BNG, non hai compromiso de financiamento para as obras do Parrote.
O Estado tamén se desestende do Parrote
Ademais, os nacionalistas lembran que tampouco hai cobertura orzamentaria para as obras do Parrote por parte do Goberno central, á vista dos orzamentos xerais de 2013, que están, hoxe en día, en trámite.
Por último, o Grupo Municipal do BNG lembra que no convenio de xaneiro de 2012 asinado entre o Concello e a Autoridade Portuaria, en que se recolle a posibilidade de financiamento por parte doutras administracións públicas, acordouse que sería o Concello quen pagaría os 14.093.387,62 euros (sen IVE) do viario soterrado do Parrote (que inclúe parte da estrutura do aparcadoiro soterrado de Copasa ao discorrer por debaixo del), cunha temporalización na que neste mesmo ano se pagararían 1.500.000 euros a Copasa (e é que a empresa é quen vai executar o viario, tal e como se especifica no convenio).
Para este millón e medio de euros existe crédito orzamentario nas contas do 2012 (figuran 3 millóns de euros para viais soterrados na Mariña e no Parrote, financiados, na súa totalidade, mediante empréstito). Porén, para os vindeiros anos xa se precisa que o financiamento estará condicionado polos límites de estabilidade orzamentaria e de endebedamento.