O BNG respóndelle a Negreira que non existe valoración positiva ningunha do paro

O BNG respóndelle a Negreira que non existe valoración positiva ningunha do paro

A Coruña, 26 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG, fronte ás declaracións do alcalde da Coruña, considera que non que non caben valoracións positivas ao redor dos datos de desemprego, ao coñecermos esta mañá os datos da Enquisa de Poboación Activa. Se ben, na cidade Coruña o número de persoas en paro descendeu en 400 persoas respecto do trimestre anterior, se comparamos as cifras deste terceiro trimestre respecto do primeiro trimestre do ano comprobamos que o paro aumentou en 1.900 persoas na nosa cidade, que ten hoxe en día 18.800 persoas en paro segundo a EPA, un 14,9%.

Ademais, os nacionalistas poñen de manifesto que este terceiro trimestre, que o Goberno municipal vende como “positivo” e “esperanzador” coincide cos meses de verán (xullo, agosto e setembro), época na que, dada a estacionalidade, baixa sempre o paro. Tamén advirten de que a EPA non recolle o impacto da emigración, un fenómeno que, dadas as políticas erradas do PP, está a nutrirse de milleiros de persoas cada trimestre. Segundo datos do IGE, no pasado ano emigraron da cidade da Coruña ao exterior un total de 2.877 persoas.

No que respecta á provincia, o Grupo Municipal do BNG advirte de que hai un total de 101.300 persoas no desemprego e chama a atención sobre o número de mulleres, que acada as 48.900 mulleres en paro na provincia, cando no primeiro trimestre había 47.000 e no segundo, 47.500. Ademais, os nacionalistas salientan que na provincia da Coruña hai un total de 29.500 fogares con todos os seus membros no paro.

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG cualifica os datos de “esmagadores” e sinala que Galiza, con 37.500 persoas máis no desemprego que hai un ano, camiña cara a converterse nunha factoría de persoas paradas. “Esta é a realidade, unha Coruña que cada día está a unha distancia maior da Coruña oficial en que vive instalado o Sr. Negreira”, sinalan os nacionalistas, que advirten de que, alén dos datos do paro, o emprego que existe está marcado, cada vez máis, pola temporalidade, coa precariedade laboral que isto implica.

Os nacionalistas atribúen o desemprego ás políticas erradas do Concello, da Xunta e do Goberno central. Así, critican que o PP siga apostando por inxectarlle miles de millóns á banca privada e por actuar seguindo o ditado da troika e dos mercados e renuncie a atallar o paro. Tamén atribúen o paro á reforma laboral aplaudida polo Sr. Negreira. Precisamente onte, coñecéronse os últimos datos do Ministerio de Emprego sobre a regulación de emprego, uns datos que veñen constatar o que alertaba o BNG, a reforma laboral do PP non crearía postos de emprego, senón que o destruiría e contribuiría á precarización.

Estas cifras revelan que o número de persoas afectadas por ERE duplicouse con respecto ano pasado na provincia da Coruña. Así, mentres o ano pasado, de xaneiro a agosto foran 3.818 as persoas afectadas por expedientes autorizados ou comunicados, de xaneiro a agosto deste ano xa van 6.744.

 

O BNG respóndelle a Negreira que non existe valoración positiva ningunha do paro