Veira esíxelle a Negreira que evite o feche do COF do Ventorrillo
A Coruña, 11 de xaneiro de 2012.- A concelleira do BNG Avia Veira reuniuse esta mañá con responsábeis do Centro de Orientación Familiar de Orillamar (que conta cun cadro de persoal mixto dependente do Sergas e do Concello da Coruña) para coñecer de primeira man como está a afectarlle ao centro a decisión do Sergas de non cubrir a praza do único xinecólogo que prestaba atención no COF do Ventorrillo, que se vén de xubilar.
A nacionalista, que formulará en Pleno unha pregunta oral sobre este asunto, advirte de que, segundo lle transmitiron responsábeis do centro, a Xunta de Galiza prevé fechar o COF do Ventorrillo e derivar os tres profesionais que prestan o seu servizo neste centro as máis de 62.000 mulleres, de 37 concellos da contorna da Coruña, ao de Orillamar, que xa atende, hoxe en día, a máis de 90.000 mulleres. "A Xunta pretende que os dous xinecólogos do COF de Orillamar atendan as máis de 152.000 mulleres nas instalacións das que dispoñen hoxe en día, que xa non son sufientes", sinala Veira, quen advirte o malestar e a oposición dos e das profesionais do COF de Orillamar aos recortes da Xunta de Galiza.
"Segundo a OMS, A Coruña debería contar con tres COF e o PP quere deixarnos só con un"
"Se temos en conta a poboación da cidade e das mulleres de concellos da contorna, segundo a Organización Mundial da Saúde, A Coruña debería contar con, cando menos, tres centros de orientación familiar", apunta. "E o PP pretende deixarnos con un", engade. Veira explica que o colapso que conlevaría a atención de máis de 152.000 mulleres no COF de Orillamar atentaría directamente contra os dereitos das mulleres a interrumpir voluntariamente o seu embarazo. E é que as mulleres que queren abortar teñen que acudir, en primeira instancia, aos COF, que tramitan a súa solicitude e as derivan ás clínicas en que se lles practica o aborto.
Nestes centros, expón Veira, ademais de tramitaren as interrupcións voluntarias dos embarazos, practican citoloxías, colocan métodos anticonceptivos e son o punto de referencia das mulleres en materia afectivo-sexual, conflitos de parella e mesmo á hora de procurar axuda perante unha situación de violencia de xénero. "Están en xogo os dereitos das mulleres, por iso o Goberno municipal ten que impedir o peche do COF do Ventorrillo", engade.
Hoxe en día as mulleres son derivadas do COF do Ventorrillo ao COF de Orillamar simplemente para que un xinecólogo lles asine un papel
As profesionais do centro de Orillamar explicáronlle á concelleira do BNG que as usuarias xa están a verse prexudicadas pola decisión do Sergas de non substituír o xinecólogo xubilado do Ventorrillo. Desde principios de mes, as mulleres que son atendidas no COF do Ventorrillo son derivadas ao COF de Orillamar simplemente para que un xinecólogo lles asine un papel.
"É absurdo que as mulleres sexan atendidas polos tres profesionais que hai no Ventorrillo e que, por non querer o Sergas cubrir a praza do xinecólogo xubilado, teñan que atravesar toda a cidade para que un dos dous xinecólogos do COF de Orillamar simplemente lles asine un papel", advirte. "Esperemos que o Goberno muncipal se comprometa no Pleno do luns a esixirlle á Xunta de Galiza que non feche o COF do Ventorrillo e que cubra a praza de Xinecoloxía para garantir os dereitos das mulleres", conclúe.