Mentres Negreira optaba pola morte, o BNG apostaba pola intelixencia no caso de Millán Astray
A Coruña, 12 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG volve amosar a súasatisfacción por que xa son catro as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza confirmando a legalidade da retirada de honores e distincións a franquistas, deixando en evidencia o Goberno do Sr. Negreira.
A sentenza do TSXG, de 5 de decembro de 2012, avala a retira da distinción de fillo predilecto a Millán Astray, estimando o recurso interposto pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e deixando sen efecto a sentenza ditada polo Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña que o Goberno municipal do PP non quixo recorrer, malia terlle indicado en reiteradas ocasións o BNG que había argumentos para recorrer. A propia sentenza faise eco das iniciativas presentadas polo BNG, mesmo mencionando expresamente a moción presentada en setembro de 2011 polos nacionalistas, que o PP rexeitou, poñéndose do lado dos franquistas, dicindo que non había argumentos para recorrer e que todo recurso estaría condenado ao fracaso.
Con esta decisión do TSXG, evidénciase que mentres que Negreira optaba pola morte, non recorrendo a sentenza de Millán Astray (o seu "coruñés de pro"), o Grupo Municipal do BNG apostaba pola intelixencia, defendendo que había argumentos para recorrer e que era legal a retirada do título de fillo predilecto de Millán Astray.
As tres iniciativas do BNG rexeitadas polo Goberno municipal do PP
Logo de terlle solicitado por escrito a inclusión na orde do día do Pleno ordinario do 12 de setembro de 2011 dun punto relativo á interposición de recurso de apelación contra a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº3 da Coruña (achégase como anexo I), o Grupo Municipal do BNG, ante a negativa do PP, presentou un voto particular ao ditame aprobado pola Comisión de Facenda e Administración Pública do día 8 de setembro de 2011 (que rexeitaba recorrer), para a súa defensa no Pleno da Corporación do propio 12 de setembro de 2011 (achégase como anexo II), un voto particular que tamén foi rexeitado polo PP. E, por último, o Grupo Municipal do BNG, a instancias da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, presentaba unha moción para o Pleno do 12 de setembro de 2011 (anexo III), que tamén foi rexeitada polo PP.
Nestas tres iniciativas, o Grupo Municipal do BNG solicitáballe ao Sr. Negreira a interposición dun recurso contra a sentenza que lle devolvía os títulos a Millán Astray, dado que había argumentos xurídicos para defender a legalidade da retirada do título de fillo predilecto e tamén argumentos xurídicos para recorrer.
A propia sentenza do TSXG faise eco das iniciativas presentadas polo BNG, mesmo mencionando expresamente a moción presentada en setembro de 2011 polos nacionalistas, que o PP rexeitou, poñéndose do lado dos franquistas
Malia a negativa do Goberno do Sr. Negreira, rexeitando as tres iniciativas do BNG e poñéndose do lado da morte, esta sentenza do TSXG menciona expresamente a moción do BNG e deixa en evidencia o PP, confirmando que a sentenza do Xulgado de Instancia era recorríbel e que había argumentos legais para defender a retirada de títulos a Millán Astray, algo ao que se negou o PP até en tres ocasións.
Tamén se pon de manifesto con esta sentenza, ademais, o que xa tiña afirmado o Grupo Municipal do BNG no Pleno do 12 de setembro de 2011 relativo a que o PP non tiña vontade política e deixábase arrastrar polas súas orixes franquistas. Non só era unha cuestión xudicial, senón tamén unha cuestión de vontade política.