TSXG confirma a condena ao Goberno municipal por vulnerar dereitos fundamentais das concelleir@s BNG
A Coruña, 14 de marzo de 2013.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de confirmar a sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 da Coruña, de 20 de setembro de 2012, que condena o Goberno municipal por vulnerar os dereitos fundamentais dos membros do BNG, concretamente do que fora concelleiro, Xan Caxigal. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, quen debullou a sentenza do TSXG, de 21 de febreiro de 2013, que ratifica a vulneración dos dereitos fundamentais de participación política e de participación en asuntos públicos dos concelleiros e concelleiras nacionalistas.
Carril expuxo que os feitos se remontan ao 24 de febreiro de 2012, cando o Grupo Municipal do BNG, a través de Caxigal, solicitou o acceso do expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011. O por aquel entón concelleiro do BNG fixo esta solicitude porque parte da subvención que o Concello da Coruña lle outorga á Compañía de Tranvías vén precedida dunha solicitude de subvención ao Estado, que fai unha convocatoria aberta de financiamento do transporte colectivo urbano.
Queríamos saber que estimación fixera o Goberno municipal para facer o cálculo da subvención solicitada, a canto ascendía a subvención solicitada e os criterios que tivo en conta o Goberno municipal para cuantificar a solicitude, explicou Carril, quen lembrou que o Goberno municipal constestou que desestimaba a petición formulada por Caxigal por conter datos persoais ou sensíbeis que deben ser obxecto de especial protección. O Goberno municipal entendeu que unha empresa privada é titular duns mesmos dereitos fundamentais que unha persoa de carne e óso, apuntou.
Dadas as actuacións precedentes do Goberno municipal, que lle denegou ao Grupo Municipal do BNG, en máis ocasión, o acceso a información, as nacionalistas presentaron un recurso no contencioso. Unha vez que o Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 da Coruña fallou a favor das nacionalistas na sentenza de 21 de febreiro de 2013, o Goberno municipal interpuxo un recurso de apelación, recurso que vén de desestimar o TSXG. Carril explicou que non cabe recurso ordinario ningún contra fallo do Tribunal Superior de Xustiza, de Galiza que lle dá a razón ao BNG, tal e como recolle a propia sentenza.
O portavoz nacionalista denunciou na rolda de prensa que o Goberno municipal está máis preocupado por protexer os intereses da Compañía de Tranvías que por garantir os dereitos fundamentais da cidadanía a través dos seus lexítimos representantes. Lembrou Carril que a Lei de Protección de Datos non protexe esta empresa. Ao partido ao que se lle enchía a boca falando da transparencia xa recibiu dous tiróns de orellas por parte dos tribunais por vulnerar os dereitos dos concelleiros e concelleiras, sinalou. Lonxe desa transparencia, o PP practica a opacidade e o escurantismo, impedíndolle ao BNG o acceso a expedientes, engadiu.
O TSXG sinala que non é aceptábel a pretendida eliminación de tal exercicio mediante unha total prohibición de acceso que busca o seu apoio nunha abstracta referencia a datos supostamente persoais ou sensíbeis
Na sentenza, o TSXG sinala que a información solicitada polo Concelleiro demandante... vén a corresponderse no principio co normal contido da actuación dun concelleiro no exercicio ordinario do seu labor como tal desde a perspectiva do estabelecido no artigo 23 da Constitución Española, non bastando para entender como razoábel o impedimento de tal exercicio, a mera invocación xenérica... do carácter reservado con datos de transcedencia tributaria, cando tratándose dun expediente de solicitude de subvención para o transporte urbano municipal e dado o evidente interese que en relación ao mesmo conecta co exercicio do dereito previsto no citado artigo 23 C.E. non é aceptábel a pretendida eliminación de tal exercicio mediante unha total prohibición de acceso que busca o seu apoio nunha abstracta referencia a datos supostamente persoais ou sensíbeis, presentándose tan radicial prohibición como unha decisión que por desproporcionada incorre na declarada vulneración do invocado dereito fundamental.
É por isto, explicou Carril, que o TSXG falla desestimar o recurso de apelación interposto polo Concello da Coruña e imponlle ao Goberno municipal as costas que resultan en segunda instancia.
Pola outra banda, o portavoz nacionalista recuperou a sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 da Coruña, de 21 de febreiro de 2013, que é a que confirma o TSXG, e que recolle: o primeiro dato que chama a atención aos efectos do presente recurso é a oposición da demandada en tanto en canto fundamenta a denegación nos datos que poden coñecerse da empresa privada, pero sen sustentar que datos desta empresa poidan ser tan relevantes para que se proceda á denegación do dereito do concelleiro afectado na súa función de control.
Tamén sinala esta sentenza que non se alcanza a comprender o porqué desta oposición, e se o que se pretende é a información á que acada ese contreto expediente é evidente que non podería prosperar xa que a empresa non contrata ou se vincula cun particular senón cunha administración polo que o seu actuar pode estar fiscalizado polos membros da corporación á que afecta o acto, unido a que non lle sería aplicábel a lei orgánica 15/1999 dado o carácter de persoa xurídica. E continúa, a este respecto, cabe sinalar que o dereito de información derivado di artigo 23 da constitución inclúe, como contido propio, o dereito a participar en asuntos públicos e con relación aos asuntos públicos municipais, que os concelleiros teñan acceso á documentación e datos de que dispoña a Corporación á que pertencen, o que supón unha facultade de consultar libremente esta documentación, de forma que a súa actividade no Concello poida desenvolverse co debido coñecemento de causa.
Por último, engade, a demandada esquece o dereito fundamental de quen desempeña eses cargos públicos representativos a exercelos valéndose de todos os medios que a lei lles confire o cal está directamente vinculado co dereito dos cidadáns a quen representan de participar na vida local a través deles e que esa participación indirecta ha de estenderse a todos os extremos da actuación municipal sen que haxa espazos exentos á mesma e máis cando a oposición (a demandada) é confusa, imprecisa, como ocorre no presente caso.
O BNG volverá pedir o acceso ao expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011 e para o 2012
O portavoz do BNG no Concello da Coruña anunciou que as nacionalistas, vistas estas dúas sentenzas, volverán solicitar o acceso ao expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para 2011 e para 2012.
A este respecto, Carril lembrou que o pasado 27 de agosto de 2012 os nacionalistas volveron solicitar o acceso ao expediente de solicitude de subvención para o transporte colectivo, en relación aos datos de 2012. A contestación, con data de 30 de agosto, foi a mesma que o ano anterior e que tivo como consecuencia a sentenza que o BNG deu a coñecer hoxe.