O BNG pide que se garanta a protección do mural de Urbano Lugrís que se atopa nun baixo en obras
A Coruña, 14 de marzo de 2013.- A concelleira nacionalista María Xosé Bravo vén de presentar unha iniciativa co fin de que o Goberno municipal adopte as medidas necesarias para garantir a protección dun mural do pintor coruñés Urbano Lugrís, que se atopa nun baixo do número 27 da rúa Olmos. E é que, segundo lle transmitiu ao BNG o colectivo In nave civitas, a protección deste mural pode verse comprometida por unhas obras que comezaron esta mesma semana no local, en que se atopaba o restaurante Fornos.
A edila do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se coñecía a existencia desta obra e se está catolagada. Pregunta tamén se ten previsto o Goberno municipal adoptar algunha medida para garantir a correcta protección deste mural.
O BNG xa se interesara pola conservación do mural de Urbano Lugrís que acubilla o Vecchio
A conservación da obra de Urbano Lugrís xa fora obxecto de iniciativas das nacionalistas tanto no Concello da Coruña como no Parlamento de Galiza. A propia Bravo presentara unha pregunta para a resposta escrita o 27 de decembro de 2012 en que se interesaba polo mantemento e protección do mural de Urbano Lugrís que está situado na cafetaría Vecchio. O Goberno municipal respondeu que era competencia da Xunta de Galiza.
Precisamente, tamén en decembro de 2012, a deputada Ana Pontón levou ao Parlamento de Galiza a preocupación do BNG sobre o mural que acubilla esta cafataría, que se alberga nun baixo propiedade do Banco Etxcheverría. Pontón sinalara nas iniciativas que esta entidade financeira ten nas nas súas mans o destino e o futuro do mural deste pintor e reclamáballe á Xunta de Galiza a protección desta obra.
Ana Pontón tamén lembraba nestas iniciativas que a conservación da obra de Urbano Lugrís fora tratada na Cámara galega o 16 de outubro de 2009, cando se acadou, por unanimidade, un acordo para que a Xunta de Galiza protexese a obra do pintor coruñés. Porén, a Consellaría de Cultura incumpriu o acordo e non chegou a elaborar estudo ningún nin acometeu limpezas nin restauracións nas obras de Urbano Lugrís que están dispersas no café Vecchio, no antigo restaurante Fornos, na Casa do Mar de Malpica e na Escola Igrexa de Vilaboa.