Por fin, o PP admite que o PEPRI deixa edificios en fóra de ordenación
A Coruña, 13 de marzo de 2013.- Por fin o Partido Popular admite que o PEPRI recolle o réxime do fóra de ordenación, salienta o Grupo Municipal do BNG, quen lembra que o PP foi moi crítico, manipulador e demagogo co fóra de ordenación do PXOM cando estaba na oposición. O Grupo Municipal do BNG xa advertira, no pasado mes de decembro, que o PEPRI deixaría fóra de ordenación máis de 800 edificios, desconformes coa súa ordenación, tanto en alturas como en imaxe exterior e volume de edificio, tal e como consta tanto na normativa e planos de ordenación e alzados deste plan especial.
As nacionalistas comparan a ocultación do réxime de fóra de ordenación derivado do PEPRI coa actitude e práctica do PP cando estaba na oposición, que instrumentalizou perversamente o fóra de ordenación con fins electorais. Para isto, lembran, o PP non dubidou en confundir a cidadanía cunha estratexia alarmista e equivocada sobre un réxime que se estabelece na normativa legal.
O Grupo Municipal do BNG espera, tal e como ten apuntado, que o PP lle explique agora á veciñanza da zona PEPRI a situación e consecuencias legais do réxime de fóra de ordenación, dos seus efectos sobre o valor dos inmobles, acceso a empréstitos... tal e como fixo cando estaba na oposición dun xeito moi demagóxico e manipulador.