O Sr. Negreira aínda non sacou a convocatoria dos cursos de formación para parad@s
A Coruña, 13 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a día de hoxe o Goberno do Sr. Negreira aínda non publicou a convocatoria dos cursos de formación ocupacional para este ano que xestiona e financia o propio Concello da Coruña.
Esta situación provocará que, con moita probabilidade, o Centro Municipal de Emprego non realice ningunha acción formativa propia destinada para persoas desempregadas durante a primeira parte do ano. E isto, advirte o Bloque, malia contar cun orzamento para cursos de formación para o emprego de 877.099,17 euros para este 2015 e cando na cidade hai máis de 22.000 persoas que procuran desesperadamente un posto de traballo.
As nacionalistas sinalan que a formación propia para o emprego vén diminuíndo desde que goberna o Partido Popular. Así o Centro Municipal de Emprego, que conta cun gran potencial grazas á calidade das súas instalacións, obradoiros e maquinaria -nas que se investiu unha importante cantidade de diñeiro- vai perdendo pouco a pouco o seu peso na promoción e na formación para o emprego destinada a persoas desempregadas. Mostra da desidia do Goberno do Sr. Negreira á hora de impulsar a creación de postos de traballo na cidade é que os propios obradoiros e maquinarias do Centro Municipal de Emprego non se utilizan, no mellor dos casos, desde decembro de 2014.
Na actualidade, atópase en fase de licitación (publicado no DOG de 30 de marzo) a formación ocupacional que xestiona o Concello mais que financia a Xunta e que é impartida por empresas externas e que conta cun importe de 223.003 euros.