Carril reivindica un plan integral para a recuperación da Silva, A Moura, Cances e Fontenova
A Coruña, 13 de abril de 2015.- A caravana de #TodasAsCoruñas, na súa viaxe itinerante pola cidade, visitou na mañá de hoxe a zona da Silva, Cances, Fontenova, A Moura e Pena Moa, onde membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas recolleron as propostas da veciñanza.
En declaracións aos medios, o cabeza de lista do BNG-AA, Xosé Manuel Carril, reivindicou un plan integral para a recuperación e conservación deste núcleos, o que implica medidas tan diversas como que todas as casas conten con rede de saneamento ou sumidoiros, que se mellore a iluminación pública, que haxa beirarrúas para facilitar a mobilidade peonil ou mesmo que haxa zonas de lecer e de convivencia para as crianzas, como o espazo da Pichiqueira. Tamén incluímos unha medida superrevolucionaria: a recollida do lixo diario, ironizou.
Ademais, Carril aludiu á necesidade de recuperar a memoria, porque aquí vivían a familia de Pucho Boedo e Arturo Meirás, o boxeador no que se inspira Manolo Rivas na súa obra Os libros arden mal. Precisamente, unha das propostas que recolleu o BNG-AA na súa visita na Silva, Cances, Fontenova, A Moura e Pena Moa é a construción dun memorial no lugar das Eiriñas, co fin de lembrar a todas as persoas que foron asasinadas ou represaliadas durante guerra civil e na posguerra, sinalou Carril.
Outras propostas da veciñanza destes núcleos que incorporará o BNG-AA ao seu programa é a pavimentación das rúas; a eliminación de atrancos que dificultan o paso polas vías principais de acceso ao barrio; o amaño para uso público do lavadoiro de Cances e da fonte de Cances; a rehabilitación dos puntos antigos de traída de augas e as súas históricas fonte ou a limpeza e acondicionamento de Pena Moa como parque, mantendo a súa flora e fauna.
A roza da maleza das beiras dos camiños con máis frecuencia e facer cumprir o mantemento das fincas privadas foron outras das propostas achegadas pola veciñanza, que tamén se referiu á recuperación da toponimia propia do lugar. Ademais, os veciños e veciñas pedíronlle ao BNG-AA abrir ao paso público, para peóns, polo antigo camiño de carro de Cances a Bens, que atravesaba Pena Moa e a potenciación de todo tipo de sendeiros e congostras.