O BNG exíxelle a Negreira que publique, de inmediato, os cursos para desempregad@s
A Coruña, 14 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG presentou hoxe unha batería de iniciativas nas que lles exixe ao Goberno do Sr. Negreira que publique de inmediato a convocatoria dos cursos de formación ocupacional que xestiona e financia o propio Concello da Coruña. E é que, tal e como denunciaron no día de onte as nacionalistas, estamos a mediados de abril e o Goberno do Sr. Negreira aínda non o fixo.
O BNG acusa o Sr. Negreira de estar máis preocupado polo electoralismo que pola situación desesperada das persoas desempregadas. Segundo os últimos datos dos servizos públicos de emprego, hai 22.030 persoas desempregadas. Estes datos, lembran as nacionalistas, non computan nin as persoas que deixaron de apuntarse ás listaxes oficiais do paro por teren rematada a prestación económica nin as que se viron na obriga de emigrar.
A falta de compromiso do Goberno municipal por atallar o paro na nosa cidade reflíctese na liquidación do orzamento de 2014. Os datos oficiais demostran que o Goberno do Sr. Negreira deixou sen gastar o 60% dos cartos orzados para os cursos de formación para o emprego. Así, os orzamentos de 2014 destinaban 1.003.761,63 euros para este fin, mais o Executivo de Negreira deixou sen executar máis de 600.000 euros.
O BNG exíxelle ao Goberno local que aproveite as instalacións do Centro Municipal de Emprego e pregúntalle por que aínda non se convocaron os cursos
Ademais de solicitarlle a convocatoria inmediata dos cursos, o Grupo Municipal do BNG pídelle ao Goberno municipal a través dun rogo que aproveite as instalacións do Centro Municipal de Emprego, inutilizado desde finais de 2014 pola desidia do Partido Popular dado que non está a desenvolver ningunha acción formativa propia. As nacionalistas aluden ao potencial das instalacións, obradoiros e maquinaria do Centro Municipal de Emprego, equipamento que moi ben considerado a nivel galego e que está perdendo pouco a pouco o seu peso na promoción e na formación para o emprego destinada a persoas desempregadas.
Pola outra banda, entre as iniciativas presentadas polo Bloque atópase unha pregunta para a pregunta escrita co fin de coñecer os motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a non publicar a convocatoria destes cursos.