Son compatíbeis coa vía penal as actuacións que reclama o BNG na moción sobre Someso
A Coruña, 12 de xaneiro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, rexistrou esta mañá un escrito dirixido ao alcalde da Coruña co fin de lle demostrar que son totalmente compatíbeis coa vía penal as medidas de actuación previstas na moción presentada polo BNG sobre Someso, polo que procede legalmente a moción presentada neste sentido polo noso grupo na sesión plenaria do vindeiro luns, 14 de xaneiro de 2013. Ademais, o nacionalista solicítalle ao Sr. Negreiraa incorporación deste escrito ao expediente do asunto da orde do día deste Pleno.
No documento enviado ao alcalde, Carril sinala que en relación coas declaracións do Goberno municipal (a través do de seu tenente de alcalde de Territorio e Infraestruturas), sobre a posición do BNG e do seu portavoz municipal (xurista, e non «xurídico», como dixo o Goberno municipal) a quen lle di que «debería saber que cuando se interpone un recurso vía penal tiene prioridad sobre otras vías» e que «debemos esperar a la decisión de la Fiscalía y ser prudentes», en nome do Grupo Municipal do BNG quero lembrarlle que son totalmente compatíbeis coa vía penal as medidas de actuación previstas na nosa moción (sobre Incoación de procedemento de revisión de oficio de actos e acordos ilegais, de execución do Plan Parcial do S-7 de Someso e sobre Incoación de procedemento de reclamación das responsabilidades derivadas da perda de dereitos econonómicos derivados da apropiación indebida por promotoras e particulares de bens e dereitos de propiedade do Concello da Coruña no sector S-7 de Someso).
En primeiro lugar, o portavoz do BNG expón que o Goberno municipal puxo os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal sen tipificar os delitos asociados e sen concretar as persoas responsábeis (nin o informe municipal de 15 de xuño de 2012, nin no informe sen data da Asesoría Xurídica se tipifican as condutas delictivas e se identifican aos suxeitos). Indica Carril que o escrito da Asesoría Xurídica, asinado polo letrado Alfonso García Magariños, di literalmente «es por todo lo anterior que a la luz del proceso de investigación desarrollado por el Ayuntamiento y que se plasma en el informe de fecha 15 de junio de 2012 entendemos que procede remitir las citadas conclusiones a la Fiscalía competente por si fueran constitutivas de delito». Como ben sabe, o artigo 5 da Lei 50/1981, de 30 de decembro, polo que se regula o Estatuto Orgánica do Ministerio Fiscal, dispón «el Fiscal podrá recibir denuncias, enviándolas a la autoridad judicial o decretando su archivo, cuando no encuentre fundamentos para ejercitar acción alguna, notificando en este último caso la decisión al denunciante», sinala Carril neste escrito.
Tendo en conta isto, o Goberno municipal non formulou ningunha querela criminal (regulada no artigo 270 da Lei de Axuizamento Criminal), dado que simplemente se limitou a presentar na Fiscalía un escrito de denuncia (ao abeiro do artigo 262 da Lei de Axuizamento Criminal), salienta. A vía penal da denuncia presentada non exime nin condiciona nin impide a revisión de oficio dos actos administrativos nin a xurisdición contábel, engade.
Compatibilidade da acción penal coa revisión de oficio dos actos administrativos
En segundo lugar, Carril explica que a moción do BNG solicita que o Goberno local proceda á incoación de procedemento de revisión de oficio de actos e acordos ilegais, de execución do Plan Parcial do S-7 de Someso, ao ser perfectamente compatíbel desde o punto de vista legal coa acción penal e que debería materializarse xa, logo de quedar máis que demostradas as irregularidades no informe municipal de 15 de xuño de 2012. Tales irregularidades son constitutivas de infraccións do ordenamento xurídico e, tal e como evidencia o citado informe, son totalmente independentes da existencia ou non delito, até o punto de que nin o propio informe di expresamente que existen actuacións constitutivas de delito, sinala.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que neste asunto non hai cuestión prexudicial penal que determine ou condicione a decisión proposta na moción do BNG de revisar de oficio os actos administrativos. O único que hai é unha denuncia ante o Ministerio Fiscal, sen tipificar os delitos asociados e sen concretar as persoas responsábeis, reitera. Con todo, a revisión de oficio que solicita o Grupo Municipal do BNG é unha cuestión que procede habendo ou non delito, tendo en conta que a procedencia da revisión de oficio dos actos e acordos relacionados na nosa moción non depende de ningunha cuestión prexudicial penal, expón. A continuación, explícalle ao alcalde que as causas de nulidade de pleno dereito da moción do BNG son as previstas na Lei 30/1992, de 26 de novembro, no seu artigo 62.1.e) (actos administrativos ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido) e no seu artigo 62.1.f) (actos contrarios ao ordenamento xurídico polo que se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición). Polo tanto, no se trata do suposto do artigo 62.1.d), relativo aos actos que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta, subliña.
Carril afirma que, en consecuencia, a revisión de oficio dos actos administrativos é compatíbel coa xurisdición penal, dado que os fundamentos para a revisión dos actos de Someso (as infraccións do ordenamento xurídico administrativo) son independentes da existencia ou non de responsabilidade penal. Cita o nacionalista a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de 11 de setembro de 2008, sobre procedencia da revisión de oficio dunha licenza que tamén é obxecto do proceso penal, declara ao respecto que «con independencia da preferencia que no ámbito xurisdicional se ven recoñecendo á orde penal, a mesma non é trasladable, salvo en casos de expedientes sancionadores que se sigan en mérito a uns mesmos feitos, ao administrativo».
Compatibilidade da acción penal coa xurisdición contábel do Tribunal de Contas
Por último, Carril aclara no escrito que a moción do BNG solicita que o Goberno Municipal poña os feitos en coñecemento da Sección de Axuizamento do Tribunal de Contas, dándolle traslado da documentación administrativa obrante nos expedientes e os informes municipais emitidos, dada a constatación da existencia de responsabilidade contábel con evidente lesión patrimonial para a Facenda municipal. Engade que do contido do Informe municipal emitido se constata unha lesión económica á Facenda municipal, constitutiva dun suposto de responsabilidade contábel (artigos 38 e seguintes da Lei Orgánica 2/1982, de 12 de maio, do Tribunal de Cuentas). Este dano patrimonial ocasionado á Facenda municipal polas actuacións administrativas en Someso é independente da existencia ou non da perpetración de delito por parte das persoas intervintes nos procedementos, polo cal non hai cuestión prexudicial e incidental penal que poida constituír elemento previo necesario para a declaración de responsabilidade contábel, sinala.
Carril pon de manifesto que, con independencia das accións penais, administrativas ou civís que procedan contra os responsábeis e beneficiarios da lesión económica patrimonial á Facenda municipal, o Concello da Coruña debe pór os feitos en coñecemento do Tribunal de Contas para que pola súa sección de axuizamento depure, no seu caso, as responsabilidades ás que houber lugar, coa fixación do dano económico causado. A súa xurisdición contábel é preferente sobre a penal en materia de responsabilidade civil derivada da lesión patrimonial ocasionada á Facenda Municipal, razón pola cal é a xurisdición contábel a competente para fixar o importe dos danos e prexuízos ocasionados ao Concello polas actuacións de Someso, expón.
Indica Carril que a lexislación reguladora do Tribunal de Contas e da súa actuación é moi clara ao respecto. Alude, así, o disposto nos artigos 17 e 18 da Lei Orgánica 2/1982, de 12 maio, do Tribunal de Contas, e o artigo 49.3 da Lei 7/1988, de 5 de abril, de Funcionamento do Tribunal de Contas.