O informe de Someso oculta a reclasificación dos terreos e os agasallos do PP aos promotores
A Coruña, 13 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto as ocultacións do informe municipal sobre o caso Someso. E é que o informe non alude ás actuacións previas ao caso Someso nin ás actuacións posteriores; é dicir, a reclasificación urbanística dos terreos aprobada no PXOM de 1998 nin os agasallos do Goberno municipal do PP aos promotores desde que o Sr. Negreira asumiu a Alcaldía do Concello da Coruña.
As nacionalistas advirten de que o informe non fai mención a que a causa do pago das indemnizacións non foi a venda do solo municipal acordada en 2004, senón a reclasificación urbanística dos terreos aprobada no PXOM de 1998 e desenvolta no Plan Parcial de Someso, que contaron co voto en contra do BNG.
Foi o cambio de uso e destino urbanístico, sinala o Grupo Municipal do BNG o que deu lugar a recoñecer o dereito de reversión dos propietarios e o posterior pago da indemnización substitutoria, segundo sinalan as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (entre outras, a de 7 de abril de 2008, que, logo de afirmar que os terreos foron expropiados para a realización dunhas obras moi concretas, sinala que as «obras proyectadas que no llegaron a hacerse en las mismas, al acabar incluyéndose esos terrenos en el Proyecto de Compensación del Sector 7 del Recinto Ferial, según se acredita con la correspondiente ficha del PGOM de A Coruña, que establecía para ellos el uso global residencial»).
Os agasallos do Goberno municipal do PP aos promotores de Someso
O Grupo Municipal do BNG tamén advirte de que o informe municipal non dá conta de todas as actuacións que tiveron lugar en Someso desde que goberna o PP na Coruña, unhas actuacións que favorecen os promotores, nomeadamente, o Sr. Fontenla.
Así, as nacionalistas sinalan que como propina, o Goberno municipal aprobou en setembro de 2011 dúas modificacións do Plan Parcial de Someso para mellorar o aproveitamento lucrativo de solares e aumentar o número de vivendas; cancelou indebidamente cargas urbanísticas (na Xunta de Goberno Local de 9 de agosto de 2011); outorgou licenzas contrarias á legalidade beneficiando os mesmos promotores aos que o Concello lles vendera no 2004 o solo municipal e, aínda na Xunta de Goberno Local de 16 de novembro de 2012, o Goberno municipal declarou caducadas licenzas urbanísticas en beneficio do Sr. Fontenla.